O alumnado do CPI descobre a historia da nosa bandeira

0

Durante estes días permanece exposta na Galería do Concello unha interesante mostra sobre a historia da bandeira galega, promovida en 2021 pola Deputación, o Concello da Coruña e o colectivo A Coruña Gráfica con motivo do centenario daquela primeira vez en que a enseña ondeou no pazo de María Pita. A exposición complementouse cun libro de banda deseñada e con obradoiros dirixidos á rapazada e a mocidade como o que tivo lugar ao longo desta mañá na Casa da Cultura, conducido polos debuxantes Manel Cráneo -director do proxecto editorial- e Luís Sendón. A el asistiron 150 alumnas e alumnos do CPI de San Sadurniño que descubriron as orixes do emblema e ademais, no caso das nenas e nenos de primaria, tamén deseñaron as súas propostas de bandeira para o Concello de San Sadurniño.

A mañá estivo dividida en tres sesións dunha hora dirixidas, en primeiro lugar, ao alumnado das aulas de 1º e 2º da ESO e despois ao de 3º e 4º. Para eles e elas falou o debuxante Manel Cráneo,  director e redactor do proxecto “1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña” no que colaboraron o historiador Xosé Alfeirán, o guionista Manel López Poy e os debuxantes Alberto Taracido e Rubén Rial, canda preto dunha vintena de ilustradores que reinterpretaron ao seu xeito a bandeira galega dándolle novos significados.

Cráneo contoulles ás rapazas e rapaces de maneira moi entretida e dinámica a teoría de que a bandeira galega que hoxe coñecemos ten a súa orixe na bandeira da Provincia Marítima da Coruña (a Cruz de San Andrés, formada por dúas bandas azuis cuzadas sobre campo branco), que era o pavillón que portaban os paquebotes que marchaban a Cuba desde o porto coruñés e que logo era adoptado como sinal identitario  polos emigrantes de ultramar.

A bandeira coas dúas aspas mesmo chegou a ondear no Centro Gallego de La Habana tempo despois de que a Armada Rusa lle solicitase ao Goberno Español que mudase a enseña marítima da Coruña por ser idéntica á súa. A decisión que se adoptou foi a de quitarlle un dos brazos á cruz, de maneira que a bandeira quedou en 1891 coa banda azul de esquerda a dereita en sentido descendente. A primeira vez que ondeou como tal bandeira galega foi o 25 de xullo de 1921 izada no balcón do pazo consistorial de María Pita, en tempos do rexedor republicano e galeguista Antonio Lens Vieira.

Logo, tempo despois, viría  a inclusión do escudo co cáliz e as sete cruces (o símbolo da bandeira institucional) inspirado á súa vez en símbolos que aparecen reflectidos en armorais e ilustracións heráldicas desde os séculos XV e XVI para referirse ao Reino de Galicia, “o primeiro de Europa, fundado aló polo ano 400 segundo aseguran varios historiadores”, comentou Cráneo.

Ademais de achegar a rapazada á historia da bandeira galega, o debuxante tamén lles falou de deseño e ilustración analizando a situación actual da creación galega e as posibles saídas profesionais destas artes gráficas. Na charla puideron verse como exemplo as obras expostas na galería municipal (que tamén forman parte do libro) como reinterpretación da propia bandeira ou dos contextos que podería presidir en calquera momento.

Son obras de Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán e  Calros Silvar. Tamén de Luís Sendón, que esta mañá se ocupou de conducir o obradoiro “Deseña a túa bandeira” co alumnado de 2º de Educación Primaria. As 30 nenas e nenos participantes  tamén descubriron a orixe da bandeira galega e despois, cos consellos de Sendón, mesmo se animaron a bosquexar e debuxar as súas propias bandeiras do Concello de San Sadurniño.

Tanto os obradoiros de hoxe como a exposición sobre o centenario do izado oficial da bandeira de Galicia -que se pode visitar até o día 11- chegaron ao noso concello gracias á Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

 

 

 

Share.