O Aldebarán xoga este sábado un partido que pode ser histórico

0

O equipo da SM2 do Club voleibol Aldebarán enfrontarase este sábado no pavillón municipal -19.45h- ao Podes i Tales CV Manacor, o seu inmediato perseguidor na loita polo ascenso á máxima categoría do volei estatal. O equipo de Charly Suárez celebrou onte a súa última xuntanza técnica para analizar o xogo dos rivais, que o adestrador define como un equipo “que non falla” e que no enfrontamento da ida “custou frear”. Porén, Suárez confía no bo estado de forma e na “motivación” dos seus pupilos para certificar o ascenso antes da última xornada dos playoff. Para iso volve apelar ao apoio do público local que, case con total seguridade, ateigará as bancadas do pavillón para asistir a un partido con ambiente de grande final que, ademais, será emitido pola TVG2.

A xuntanza deste xoves serviu para ultimar os detalles do plan de defensa e ataque que se tentará escenificar mañá no pavillón. Foi unha sesión de análise táctica que se completou cun adestramento suave que se repetirá hoxe á tarde sen demasiada intensidade para evitar que alguén poida chegar tocado a un partido que é decisivo. Suárez conta con toda a plantilla en boa forma  -incluído Pakito, que perdeu parte do playoff- e sobrada de ánimo para dalo todo na cancha. “Vexo o equipo moi ben, con moita motivación e moitas ganas de pechar na casa o ascenso”, dixo o técnico.

Diante terán un óso duro de roer: o Podes i Tales de Manacor, que marcha en segundo posto da táboa separado por tan só un punto dos líderes, o Aldebarán-Intasa. Suárez augura un “partido igualado”, lembrando que no enfrontamento da ida, malia a victoria para os de aquí, foi difícil frear a forza atacante da escuadra balear. “É un equipo que non falla, moi seguro no saque. Non cometen erros que non sexan forzados e, ademais, teñen posiblemente o mellor ataque da liga”. A esta fortaleza dos contrincantes, Suárez contraponlle “o mellor bloqueo” e a efectividade receptora do seu equipo.

San Sadurniño prepárase, pois, para un encontro decisivo. Gañar garantiríalle ao Aldebarán unha das dúas prazas de ascenso, pero as posibilidades están aínda todas abertas. O cvleganes.com visita a cancha do Emevé Lugo. Os lugueses xa non teñen ningunha opción e, se perden pola máxima, os de Leganés sumarían 3 valiosos puntos e a loita polo ascenso pasaría ser cousa de tres, convertendo a última xornada nunha contenda aínda máis apretada se o Intasa cae mañá ante os de Manacor.

Equipo e club agardan que non haxa que chegar a tanto e que este sábado o Aldebarán-Intasa poida facer historia cunha victoria que lle valla para ocupar unha merecidísima praza na Superliga. Para iso pídese “máis que nunca” o apoio dun público que, con total seguridade, volverá crear un ambiente de festa como o vivido no anterior partido disputado na casa contra o cvleganes.com.

 

Share.