O Aldebarán xa garda outra Copa Príncipe na súa vitrina

0

O Aldebarán-Intasa San Sadurniño de volei volveu facer historia a primeira hora da tarde deste domingo sumando ao seu haber de títulos a XIV Copa Príncipe, o máximo trofeo da división de prata do volei estatal. Foi tras tres días dunha competición a catro tocada no seu programa polas baixas do Benidorm e do Castellón por causa de positivos en coronavirus, algo que non lle resta mérito a unha victoria local -a segunda na súa historia- sustentada nun xogo efectivo ao que se lle sumou o alento incondicional e constante da bancada.  O Aldebarán confirmou así o bo momento de forma dunha escuadra que funciona ben sintonizada e sincronizada sobre a pista e, ademais, confirma o valor da canteira local coa elección de Marcos Blanco Couce como mellor xogador do torneo.

A xesta do Intasa comezou a tomar forma na tarde do venres, cando o equipo dirixido por Hernán Pesci se desfixo do seu primeiro rival, o CV Leganés, por tres sets a cero nos que os madrileños non lle puxeron as cousas doadas.

A victoria emparellou aos locais no encontro do sábado co Extremadura Grupo Laura Otero, equipo perdedor do primeiro partido disputado no torneo contra o Arona Intersport. O Intasa comezou o partido cunha vantaxe de 2 sets que facía presaxiar un paseo triunfal contra os estremeños. Porén, os rivais, lonxe de darse por vencidos, intensificaron a súa efectividade en bloqueo e ataque e lograron forzar o tie-break, que se resolveu con contundencia en favor do Aldebarán-Intasa San Sadurniño. Boris e Caparrós foron dúas das pezas claves dun set de desempate no que o conxunto anfitrión logo se distanciou -chegou a un parcial 8-2- e que finalizaría cun máis ben avultado 15-2.

O soño estaba aí, ao alcance da man. Pero aínda faltaba o domingo e un óso duro de roer: o Arona Intersport de Tenerife, cabeza do Grupo B na liga da SM2. O partido xa viña “quente” en certo modo polas pegas que puxo o equipo visitante para xogar no pavillón municipal por causa das baixas temperaturas destes días (houbo que instalar de urxencia tres calefactores, que o público tamén agradeceu) e pola súa demanda, non satisfeita, de poder adestrar nas instalacións na mañá do venres, día lectivo en que o pavillón estaba reservado para o alumnado do CPI.

A rivalidade -incrementada por estas circunstancias- palpábase no ambiente e reflectiuse en varios encontronazos dos canarios co equipo arbitral debido a tantos para eles dubidosos que recaeron na conta do Aldebarán. Cara ás bancadas, encabezadas por Juan Manuel García “Cobelo” marcándolle o paso á afección, a intrahistoria do enfrontamento traduciuse nun partido apaixoante onde houbo xogadas espectaculares  e un duelo de igual a igual que comezou ganando o equipo visitante.

O primeiro set e o arranque do segundo deron a falsa impresión de que o resto do partido lle ía ser pan comido  ao Arona. Pero foi nese momento cando Cobelo lle puxo as pilas aos seareiros e empezou a atronar o pavillón para desconcerto dos saques rivais e inxección de ánimo nos locais. A estratexia combinada bancada/banquiño deu froito cun xogo máis sólido que inclinaría a balanza, aínda que pola mínima nos seguintes dous sets, en favor da escuadra local.

Todos estiveron no seu sitio e dando o que había que dar, pero foron homes especialmente valiosos na recuperación Marlon Mendoza e Boris Rodríguez, ademais de Marcos Blanco -recompensado como MVP do torneo-, quen definiron boa parte do xogo antes do cuarto e definitivo set.

Con 2 a 1 no marcador, o Aldebarán-Intasa San Sadurniño saltou á pista cun único obxectivo: ganar o partido e facelo sen darlle opcións aos contrincantes. E así o fixo, xestionando ben unha presión que noutras citas lle xogou malas pasadas e pisando o acelerador a fondo desde o minuto un para noquear a un Arona que non sabía de onde lle viñan os trallazos de Blanco e de Caparrós. Estas dúas torres do equipo -a terceira é Postemsky- brillaron especialmente neste último tramo do encontro que rematou, pasadas as tres da tarde, cun marcador para os nosos de 25 tantos a 18, un cómputo 3 sets a 1 e, en definitiva, outra Copa Príncipe para gardar na vitrina local.

O sábado que vén, dous partidos na casa
A victoria na XIV Copa Príncipe seguramente signifique unha inxección de optimismo engadido para o Aldebarán-Intasa de cara ao que resta de liga. Neste momento marcha 4º do Grupo A -a SM2 está dividida en dous grupos- e moi preto do líder, o Extremadura Grupo Laura Otero.

Aos de Pesci tócalles xogar contra deles esta fin de semana na casa -sábado ás 19.30h. no pavillón municipal- para recuperar un partido adiado por causa da pandemia. E esta non será a única visita estremeña, xa que o domingo ás 12.30h. o Intasa recibe ao CD Badajoz Extremadura, que vai segundo na táboa do grupo.

Dúas victorias pola máxima elevarían ao Aldebarán á cabeza da clasificación.

Share.