O Aldebarán volve á casa despois do Nadal para xogar un partido con sabor a grande final

0

O Club Voleibol Aldebarán-Intasa San Sadurniño recibe este sábado ás 19.30h. ao Barça Voleibol no pavillón municipal co obxectivo -e a necesidade- de ganar e facelo pola máxima. A escuadra azul vai de última na táboa clasificatoria da Superliga con 5 puntos e precisa polo menos tres puntiños para iniciar a fuxida da zona de descenso. O primeiro enfrontamento tralo parón do Nadal contra o Río Duero Soria saldouse cun 0-3 moi axustado nos dous últimos sets que, porén, mostrou un equipo capaz ao que só lle falta recompoñerse tralos últimos movementos de fichaxes. Desde o club volven confiar no apoio da afección para converter o pavillón nun fervedoiro con ambiente de final.

Cada vez quedan menos puntos por xogar e nestes momentos estanse disputando os enfrontamentos de volta cos equipos da parte baixa da táboa, en teoría os máis asequibles para o Intasa. Na súa estrea ligueira a formación de Charly Suárez vencera aos sorianos nun partido apaixoante e na segunda xornada fixera o propio na casa dos barceloneses. O Río Duero Soria desquitouse a fin de semana pasada e agora toca ver que pasará cun Barça que, seguramente, veña a San Sadurniño coas mesmas intencións.

Para o sábado os ánimos nas filas azuis seguen intactos, aínda que será necesario ter ben engraxada unha maquinaria que se viu modificada nas últimas semanas coa ida-volta de Baranov, a marcha de Kobcev ao Melilla e o regreso de Saulo Costa, vital pola súa calidade técnica e tamén como aglutinador do grupo polo seu talante. De feito, o partido da semana pasada foi, coma quen di, de axuste e toma de contacto para o brasileiro. Tanto el coma o resto do equipo -malia a derrota- mostraron en Los Pajaritos unha cara ben distinta á das dez xornadas anteriores.

Desde as redes sociais o Aldebarán volve facer un chamamento para encher o municipal “unha vez máis” para, segundo din, “sacar isto a diante coa vosa axuda”. O club prepara a cita coa mentalidade de xogar unha final “para comezar a remontada na SVM”, consciente de que os puntos de victoria ou os de derrotas pola mínima son, a partir de agora, un ben moi prezado para lograr a permanencia.

Deberán aproveitar. Os dous próximos enfrontamentos son con equipos, a priori, do seu nivel: o sábado co Barça -penúltimo na clasificación- e despois co Vecindario Ace Gran Canaria a domicilio, que vai sétimo na táboa. Fai falla ganar e, se se pode, pola máxima diferenza para non quedar descolgados. De ganar por 3-0 o sábado -e sempre que o Manacor perda co segundo, o Unicaja- as cousas poríanse moi interesantes na terna baixa da clasificación, na que o Intasa estaría nunha posición algo menos incómoda.

Polo tanto, o sábado ás 19.30h. hai que volver encher o pavillón.

 

 

Share.