O Aldebarán quere encher o pavillón na primeira cita co ascenso

0

A programación de lecer desta fin de semana ten dúas referenzas ineludibles na tarde e na noite deste sábado. Dunha banda temos o comezo da disputa da fase de ascenso á Superliga por parte do Aldebarán-Intasa, que recibe no pavillón municipal ao UBE L’Illa Grau de Castellón ás 19.30h. Un encontro para o que o equipo local quere ter o máximo apoio da afección enchendo as bancadas. A ocasión ben o merece, xa que do que se está falando é de chegar á máxima categoría do volei estatal ou, dito doutro xeito, empezar a loita por estar coa elite. A segunda cita témola en Naraío co tradicional baile de entroido que terá dúas sesións, unha a partir das 18.00 para nenos e nenas con La Guagua e outra a partir das 23.00h. para maiores co showman Dani Ríos.

O Aldebarán-Intasa inicia este sábado un momento histórico. O segundo despois de conseguir a Copa Príncipe o ano pasado. Como segundo clasificado do Grupo A da SM2 será un dos catro equipos que disputarán ata o 8 de abril a fase de ascenso á Superliga.

Canda os de aquí haberá outro equipo galego, o Náutico Boiro -líder do Grupo A-, e dúas formacións da outra banda do Estado, o Sant Pere i Sant Pau de Tarragona e o UBE L’Illa Grau de Castellón. Aos de Boiro xa os coñecen de vello. Ao Sant Pere i Sant Pau tamén, xa que foi o equipo que lles arrebatou a copa este ano.

A incógnita é o UBE L’Illa Grau, un equipo formado para o ascenso que se empoleirou á cabeza do Grupo B con autoridade e que, polo tanto, semella ser o rival a batir por todos, aínda que rivais a batir sexan tamén todos. Baixo a dirección de Iñaki Bescós -xogador reconvertido a adestrador que se formou, precisamente, no Sant Pere i Sant Pau- os castellonenses loitan por volver a unha categoría na que xa estiveron até 2016.

O Aldebarán-Intasa estréase recibindo a esta formación na tarde do sábado a partir das 19.30h. E para o partido quere contar co máximo apoio da afección tanto neste partido como no da próxima semana, tamén na casa, no sempre apaixoante derbi contra o Boiro.

Contando o de mañá, o Aldebarán-Intasa deberá xogar seis partidos, tres fóra e tres na casa. O último deles o 8 de abril sendo anfitrión do Sant Pere i Sant Pau.

En resume, o Aldebarán-Intasa enfronta a recta final dun camiño iniciado hai 5 anos, cando ascendeu á división de prata do volei estatal. Desde aquela o equipo foi avanzando pouco a pouco e mellorando resultados ata chegar ao equipo actual, ben engraxado e con valía técnica sobradamente contrastada para estar na máxima categoría.

Entroido en Naraío
A axenda do sábado complétase con festa neste tempo engadido de entroido en plena coresma. A Asociación Veciñal O Castelo de Narahío celebra o seu tradicional baile de máscaras dirixido a dous públicos distintos.

Así, para os nenos e nenas e as familias haberá unha sesión animada por La Guagua a partir das 18.30h. Será unha festa infantil chea  de música e xogos  que se prolongará ata practicamente as 20.00h.

Xa pola noite tocaralle a vez ao baile de disfraces para maiores. A partir das 23.00h. o local da  Veiga irá enchéndose pouco a pouco de mácaras que, neste caso, serán recibidas polo artista nedés Dani Ríos.  O baile durará até aproximadamente a unha da mañá, tempo no que se organizará un desfile con premios para os mellores traxes.

Share.