O Aldebarán protagoniza esta noite unha das pezas de Informe Robinson

0

Primeiro en Canal+, despois en #0 e agora en #Vamos de Movistar+. O programa Informe Robinson leva dez anos mostrando a cara humana do deporte, principalmente do fútbol pero tamén do deporte considerado minoritario. Entre mediados de setembro e mediados de outubro, un equipo deste espazo visitou San Sadurniño para contar como é posible que un club nacido nun municipio de escasos 3.000 habitantes fose quen de chegar á primeira división do volei estatal. O resultado poderemos velo hoxe a partir das 21.25h. no programa dirixido polo exfutbolista, que se emite os últimos xoves de mes. Quen non teña Movistar+ contratado terá que buscar algún local hostaleiro con acceso a #Vamos.

A reportaxe, duns 20 minutos, comparte espazo con outra sobre a lenda do balonmán Talant Dujshebaev. Quen non teña oportunidade de vela hoxe á noite terá máis ocasións nalgunha das opcións de pagamento da plataforma, á que se accede vía satélite ou a través de internet. De feito, “Unha vila na elite” repetirase o venres ás 18.05 en Movistar Deportes, o sábado ás 12.30h. e o domingo 28 ás 02.45h. en #Vamos e ese mesmo día ás 20.30h. outra vez en Movistar Deportes.

De momento só circula polas redes a promo do programa, que dá unhas pinceladas ao respecto das orixes do Aldebarán e do soño que está vivindo nestes momentos. A gravación arrancou en setembro e un equipo da cadea visitou varias veces San Sadurniño para recoller todo o material: entrevistas, sesións de adestramento, fotos e outros documentos gráficos, paisaxes, facer seguimento do día a día dos xogadores  en San Sadurniño e tamén o encontro contra o Soria co que o equipo se estreou ao grande na categoría.

O Aldebarán é o recén chegado e tamén o que está dando a sorpresa neste arranque da liga regular da SVM. Hai dúas semanas remontoulle ao Río Duero Soria nun partido épico e o domingo pasado repetiu a xesta fronte ao FC Barcelona, colocándose por méritos propios na cuarta posición da táboa.

Agora toca seguir soñando e dando a talla nunha competición realmente dura que non concede marxe de erro e para a que sempre fai falla o máximo apoio da afección. Este sábado ás 19.30h. reciben no Pavillón Municipal ao Vecindario ACE Gran Canaria, que de momento só leva un punto no seu contador particular.

 

 

Share.