O Aldebarán proclámase campión da SM2 e obtén praza na máxima categoría

0

O venres o Aldebarán demostrou que era un dos firmes candidatos a ganar a promoción de ascenso á Superliga. O sábado deixouno aínda máis claro. E o domingo ao mediodía confirmouno. Catro partidos xogados contra os cabezas de serie da SM2 e catro partidos que se saldaron con victoria. E, ademais, con victorias contundentes que lle puxeron a guinda a unha temporada atípica na que o equipo local foi de menos a máis ata dar cunha combinación de deportistas e estratexias que lle valeron para engadir unha segunda Copa Príncipe á súa vitrina e para regresar, por segunda vez, á máxima categoría do volei estatal. Os retos a partir de agora son maiores: primeiro conseguir respaldo para sosterse na primeira división, logo adaptarse a unha competición máis esixente e, ao mesmo tempo, manter unha escuadra con algunhas pezas que seguramente espertarán moito interese no mercado de fichaxes despois da súa soberbia actuación desta fin de semana. 

O Aldebarán-Intasa San Sadurniño conseguiu meteuse nas semifinais do sábado tras vencer a véspera ao Arona Intersport e ao Léleman Valencia. O seu terceiro partido foi contra o Extremadura Grupo Laura Otero. Un encontro programado para as 20.30h. que se viu afectado pola duración da anterior semifinal, de maneira que comezou preto da hora do toque de queda. O retraso non fixo máis que incrementar a impaciencia dos centos de espectadores e espectadoras que agardaban pola restransmisión en streaming do partido.

A espera tivo merecida recompensa cunha velada de volei intensa, dinámica, brillante e, ademais, comedida en duración. É dicir, con todos os ingredientes para gozar do deporte. O Intasa foi, en termos xerais, superior ao Extremadura. Testemúñao o marcador 25-21/25-18/25-21 e a circunstancia de que o equipo de Hernán Pesci foi en todo momento por diante e puntuando máis por pericia propia que por erro alleo.

O Aldebarán-Intasa celebrou a victoria perante o Grupo Laura Otero como unha grande festa. E non era para menos, posto que o domingo terían como contrincante ao Léleman Valencia -con praza confirmada na Superliga Masculina- e, polo tanto, ganasen ou perdesen, os azuis tiñan asegurada a outra vacante do ascenso.

Porén, para pechar unha temporada abraiante en canto a evolución  e resultados -o Intasa tamén ganou a Copa Príncipe-, era necesario saír á cancha e triunfar tamén na final. E así o fixeron volvendo mallar -máis aínda que o venres- no equipo anfitrión. O encontro saldouse en tres sets e só no primeiro o Intasa pasou algo de apuro: 25-27/11-25/20-25. O mellor xogador da final: Marlon Mendoza.

Share.