O Aldebarán organiza unha viaxe para ir animar o primeiro equipo na Copa Príncipe

0

O equipo da SM2 do Aldebarán de volei acudirá a Leganés o día 13 de xaneiro para disputar alí a súa terceira Copa Príncipe nun torneo por KO que tamén xogarán o anfitrión, o CV Leganés, o Podes i Tales de Manacor e o máximo rival do Intasa no derbi galego, o Emevé Lugo. O club local quere levar canda si toda a súa afección e por iso organizou  unha viaxe en autobús que inclúe tamén o aloxamento e o almorzo do domingo. O prezo do paquete completo son 45€ para persoas adultas e de 35€ para a rapazada, aínda que tamén se poderá optar só polo transporte: 15€ adultas e 5 euros nenas e nenos ata 14 anos. Quen queira apuntarse debe contactar co club antes do 8 nos teléfonos 699 553 975 e 653 034 755 ou a través do correo aldebaranvoleibol@gmail.com.

O trofeo da división de prata masculina do volei estatal separou nos cruzamentos aos dous equipos galegos. O Emevé xogará a primeira semifinal o sábado -16.30h.- contra os de Manacor e o Intasa verase na segunda eliminatoria co Leganés a iso das 19.00h., de maneira que poderían non chegar a enfrontarse ou, o que todas e todos agardamos, que haxa unha final galega en Madrid o domingo 14 a partir das 12.30h no pavillón denominado, curiosamente, Pardo Bazán.

Sabedor do efecto que produce na pista unha afección entregada nas bancadas, o Aldebarán Intasa leva informando varios días da viaxe en autobús que organiza a Leganés con prezos adaptados a todos os petos. A saída está prevista de diante do café bar del Palacio o sábado 13 ás 8.00h. Pararase xantar polo camiño e despois retomarase a viaxe con destino ao pavillón Emilia Pardo Bazán para asistir ás semifinais. Ao remate da xornada o autobús trasladarase ao hotel e, ao día seguinte, volverá levar a afección á sede do torneo para ver a final antes de emprender a volta a San Sadurniño.

A viaxe ten un custe de 45€ por persoa adulta en habitación dobre, triple ou cuádruple en rexime de aloxamento e almorzo, e se hai alguén que queira reservar unha habitación individual deberá pagar un suplemento de 21€. O prezo para a rapazada será de 35€, tamén en habitación dobre, triple ou cuádruple.

Quen prefira reservar a pernocta pola súa conta só terá que pagar o autobús: 15€ no caso de persoas adultas e 5 os nenos e nenas ata 14 anos.

Desde o club infórmase que os prezos están suxeitos a pequenas variaciós dependendo da dispoñibilidade de hotel e incídese especialmente en que no aloxamento só se inclúe o almorzo do domingo, correndo por conta de cada persoa as comidas dos traxectos de ida e volta e a cea do sábado.

Para participar na viaxe organizada haberá que anotarse antes do 8 de xaneiro nos teléfonos 699 553 975 (Uxío) e 653 034 755 (Manuel) ou no enderezo de correo electrónico aldebaranvoleibol@gmail.com, indicando a opción elixida.

Share.