O Aldebarán organiza unha noite de cocido e música para pechar a liga

0

O sábado 3 de marzo o CV Aldebarán-Intasa xogará na casa o seu último partido de liga recibindo ao Club Vigo Voleibol, penúltimo clasificado do Grupo A da Superliga Masculina 2. Para pechar unha liga  de fantásticos resultados, o equipo organiza unha cea a base de cocido que terá lugar no patio cuberto do CPI a partir das 22.00h. O prezo do prato -incluído o café e un licor- son 20€ para persoas adultas e 10€ para menores de 10 anos. A parte musical poraa a solista “Patri”.  Para apuntarse hai que chamar antes do xoves da semana que entra ao 699 553 975 ou ao 630 288 080.

O primeiro equipo do Aldebarán medirase na xornada desta fin de semana ao CyL Palencia 2018, un dos ósos duros de roer da competición xa que del forma parte toda a canteira da selección estatal. Aínda sendo un equipo moi novo e dedicado exclusivamente a xogar ao volei, o CyL Palencia 2018 marcha terceiro na clasificación de grupo e a uns cómodos 6 puntos de diferencia con respecto ao Intasa, que vai segundo por detrás dos lugueses do Emevé.

Garantida xa a participación na promoción de ascenso, os de Charly xogarán mañá sábado ás 17.30h. nas instalacións do Campo de la Juventud no que é o penúltimo encontro ligueiro antes da fase que pode darlles o billete para subir á máxima categoría do volei estatal.

O último partido disputarano na casa o sábado 3 ás 18.00h. contra o Club Vigo Voleibol, a quen nestes momentos o Aldebarán-Intasa triplica en puntuación e, salvo sorpresas, tamén debería poder superar sen problemas na derradeira cita ligueira.

Unha xornada final que o club da casa quere celebrar por todo o alto cunha cea abondosa e gorentosa e tamén con música. O evento comezará ás 22.00h. no patio cuberto do CPI cun menú a base de sopa de cocido, codido, sobremesa, viño e auga, café e licores, seguidos da actuación musical da solista “Patri”. Todo por 20€ no caso de persoas adultas e mocidade, mentres que o prato para rapazada menor de dez anos custará 10€. As reservas hai que facelas nos teléfonos 699 553 975 ou 630 288 080 antes do día 1 de marzo.

O 24 de marzo, cea baile en colaboración coa UDC Narahío
Neste mes de marzo -o sábado 24, 22.00h.-  aínda haberá outra cea organizada polo Aldebarán, aínda que neste caso a medias coa UDC Narahío e na sala de festas La Concha. O menú será o mesmo: sopa de cocido, cocido, café, sobremesa, bebida, café e un licor de acompañamento.

A cea baile ten un prezo de 25€ e estará amenizada pola orquestra París de Noia. A entrada só para a orquestra é de 6€.  Para reservar prato é necesario contactar directamente con La Concha nos teléfonos  981 363 469 ou 647 750 423.

Share.