O Aldebarán-Intasa opta esta fin de semana á súa segunda Copa Príncipe

0

O Pavillón Municipal de San Sadurniño volverá acoller, por terceiro ano, a desputa do máximo trofeo da división de prata do volei estatal. Entre a mañá do venres e o mediodía do domingo xogaranse 10 partidos nos que se darán cita os seis mellores equipos da SM2: Arona Intersport, Servigroup Benidorm, CV Leganés, Extremadura Grupo Laura Otero, CV Mediterráneo Castellón e os anfitrións, o Aldebarán-Intasa San Sadurniño, emparellados á súa vez mediante sorteo en dous grupos. Desde o club local -que chega á cita nunha forma excelente- levan varios días recomendando reservar entradas para asistir ao trofeo por KO, que pode significar a segunda Copa Príncipe para o Aldebarán. As reservas poden facerse chamando ou enviando un whatsapp ao teléfono 629 384 952. Os prezos: 20€ de abono completo para persoas adultas -10€ menores de idade- e 10€ para a entrada diaria de persoas adultas, que quedan en 5€ no caso da rapazada.

San Sadurniño xa foi sede do torneo en 2016 e 2017 e vivirá un intenso campionato en tres días de competición que comezarán o venres cos primeiros encontros da fase de grupos que definirán o nome dos semifinalistas da tarde do sábado, cando se xogarán os choques cruzados entre os ganadores e perdedores dos dous grupos conformados por sorteo.

Os dous vencedores dos partidos do sábado á tarde disputarán a gran final o domingo 10 de xaneiro, co obxectivo de levantar un trofeo que xa ergueron dous dos participantes nesta edición, o Aldebarán Intasa e o Mediterráneo Castelló.

O equipo local chegará á cita nun bo estado de forma e coa ansia de facerse coa súa segunda Copa Príncipe. Unha perspectiva moi real que vén avalada  polos bos resultados obtidos na primeira rolda  do grupo A da competición, onde marcha en cuarta posición con 15 puntos. Na cabeza da táboa as cousas están moi apretadas, posto que entre o Extremadura Grupo Laura Otero -primeiro clasificado- e o equipo local só hai dous puntos de diferenza.

Ademais, a parte superior da clasificación do grupo B da liga tamén é un pano, polo que a Copa Príncipe promete ofrecer enfrontamentos moi igualados, que se desenvolverán co seguinte programa horario:

Día

Hora

Partido

Venres 8

10:30h.

Arona Intersport – Servigroup Benidorm

12.30h.

Intasa San Sadurniño – CV Leganés

18.00h.

Extremadura G. Laura Otero – Arona Intersport

20.00h.

CV Mediterráneo Castellón – Intasa San Sadurniño

Sábado 9

10.00h.

Servigroup Benidorm – Extremadura G. Laura Otero

12.00h.

CV Leganés – CV Mediterráneo Castellón

17.00h.

Semifinal 1 (2º Grupo A – 1º Grupo B)

19.00h.*

Semifinal 2 (1º Grupo A – 2º Grupo B)

Domingo 10

10.30h.

Terceiro e cuarto posto

12.30h.*

Final

(*) Horarios aproximados de inicio

 

Cómpre ter en conta que o Pavillón Municipal terá limitado o aforo por razóns preventivas a un máximo de 236 persoas, de aí que para axilizar a entrada e ter garantido o acceso o mellor é facer a reserva anticipada de localidades, algo que se pode facer para días concretos ou con abonos para toda a competición. As reservas deben facerse chamando ao 629 384 952 ou mandándolle un whatsapp indicando o nome e o número de entradas.

Abono completo persoas adultas

20€

Abono completo menores de idade

10€

Entrada diaria adultas

10€

Entrada diaria menores

5€

Share.