O Aldebarán-Intasa métese de novo na final da Copa Príncipe

0

Partido trepidante o xogado este serán polo Aldebarán-Intasa contra o CV Leganés na que foi a segunda semifinal da X Copa Príncipe de voleibol. Un partido que o equipo local resolveu con contundencia por 3 sets a 0 e demostrando, unha vez máis, por que é líder da SM2. Os de Blanco puxéronlle o corazón nun puño á afección durante o primeiro parcial do partido, mostrando un xogo moi igualado ao dos rivais que facía entrever un partido longo. Pero foi só ese primeiro set. Nos outros dous o Aldebarán xogou cómodo, marcando ritmo e executando un volei de campións.

Ese primeiro set foi unha agonía para público e xogadores. Disputouse durante unha longa media hora na que o Intasa foi por diante durante unh cuarto de hora. Tempo no que tamén se chegou ao empate a 15 puntos. A partir de aí a cousa ralentizouse e o Leganés mesmo chegou a adiantarse pola mínima.  Houbo que ir aos dous puntos de diferenza e mesmo se chegou a empatar a 28 puntos. Finalmente o Sansa conseguiu levar o set, aínda que dando a impresión de que o CV Leganés sería moito máis duro de roer do que agardaban.

No segundo set a cousa tamén arrancou igualada, pero a partir do ecuador do marcador o Aldebarán-Intasa empezou a marcar distancias. Moito máis temperado, tranquilo e espoleado pola afección, o grupo anfitrión soubo manter posicións, aproveitar os saques e errar pouco na rede onde foi moi superior en bloqueos. A iso uníuselle unha certa desbandada momentánea do Leganés que, malia todo, quixo recompoñerse cando xa lle era demasiado tarde. O marcador rematou cun 25-19.

Segundo set ganado e maior inxección de comodidade para o Aldebarán-Intasa. Comodidade, que non confianza. O cadro local fixo un terceiro set extraordinario en eficacia tanto na defensa como no ataque. Tamén comezou igualado e, do mesmo xeito que ocorrera no anterior, foi a partir da decena cando apretaron o acelerador. En termos xerais non houbo peros que poñerlle a ningún xogador. É máis, todos no seu sitio, efectivos en saque e colocación e capaces de salvar balóns case imposibles ante un rival que nos últimos momentos baixou de máis a garda ante a superioridade local. O set finalizou cun estourido de alegría cos guarismos 25-16 no marcador.

Agora toca descansar para mañá. Ás 12.00h. o Aldebarán-Intasa medirase ao outro finalista, o Sant Pere i Sant Pau. Preferirían xogar contra o Universidad de Valladolid, a quen xa coñecen por estaren no mesmo grupo da SM2. O Aldebarán deixou claro nas semifinais desta tarde que é o equipo máis forte dos catro que disputan(ron) esta X Copa Príncipe. Este domingo ao mediodía pode pasar de todo, pero o que é seguro é que os locais sairán coa determinación de facer historia en San Sadurniño. Outra vez.

Share.