O Aldebarán-Intasa fai historia… outra vez

0

Hai dous anos o volei local conseguiu deixar en San Sadurniño a IX Copa Príncipe de Volei. Un trofeo histórico para o Aldebarán-Intasa que en certo modo lle deu o certificado de equipo sen complexos, de xogo serio e con valía sobrada para estar entre os grandes. Hoxe o club volveu facer historia, metendo un municipio de escasos 2.900 habitantes entre os nomes da elite do volei estatal. Fixeron falla catro sets para vencer ao Podes i Tales de Manacor, equipo que visitaba San Sadurniño coa ansia de afianzar as súas opcións ao ascenso. Porén, diante bateu cun muro que só logrou quebrar nos primeiros compases dun encontro que rematou 3-1, marcador suficiente para gañar a liga da SM2 e obter un dos dous billetes con destino á primeira división.

Como se agardaba, o pavillón municipal ateigouse de xente para asistir en directo a un partido decisivo que, ademais, foi seguido a través da TVG2 por unha chea de veciños e veciñas. Nos arredores do CPI había pouco onde aparcar e, dentro, as bancadas estiveron cheas dunha afección entregada de principio a fin do partido.

O encontro comezou ás 19.45h. para acomodalo á programación televisiva. E fíxoo cun Intasa que cedeu o primeiro set por 20-25 debido en grande medida a que o Podes i Tales se mostrou intratable nos bloqueos e máis efectivo rematando. Porén, perder a primeira rolda non desanimou aos de Charly Suárez, que aproveitaron para estudar ao detalle os puntos débiles do contrincante para, deseguido, darlles a súa menciña.

O xogo mudou no segundo set. Visto que a forza bruta na rede non era todo o efectiva que debera, o Aldebarán optou por combinala con bólas mortas e unha certeira busca de ocos. Deste xeito conseguiu arrepoñerse e vencer por 25-17.

O terceiro set tiña que ser o de pisar o acelerador. Os locais arrancaron por diante e chegaron a poñer terra abonda polo medio, pero os baleares non desperdiciaron balóns e lograron empatarlles 17-17. Era vital non deixar que se adiantasen. E así foi, encadearon varios tantos ata recuperar marxe suficiente e o parcial rematou 25-21, cun Renato Mendes -Gerva- supremo en todo o encontro que neste terceiro set machacou sen compaixón todos os esféricos que lle chegaban en parábola desde o centro do campo.

Gerva foi, xunto con Blanco, unha das estrelas da noite

Gerva foi, xunto con Blanco, unha das estrelas da noite

Anque o equipo fixo un xogo soberbio, el foi unha das estrelas anotadoras da noite. Balón que lle chegaba, balón que espetaba sen posibilidade de recuperación. Esa foi unha constante tamén no cuarto set que, tal e como pediu Uxío García antes de empezar, se xogou “con cabeza”. O Aldebarán deu un recital de volei salvando balóns, fallando o xusto e destrozando a moral dos contrincantes, incapaces de parar os ataques e incapaces tamén de superar o muro da rede local.  Algo que se notou na metade do set, cando unha decisión arbitral aínda sementou máis desánimo entre os visitantes.

Caras longas nun lado, e sorrisos de festa no outro. O partido aínda non rematara, pero a victoria xa se cheiraba. Estaba aí, pretiño… e as cousas saían ben. O equipo transpiraba tranquilidade e bo xogo ao tempo que xente como Iurisevich e Kobcev esporeaban a afección coa banda sonora da “Gran noche” de Raphael e lle dedicaban ao público os tantos que pouco a pouco os achegaban ao soño.

Un soño que certificou un xogador da canteira e outra das grandes estrelas da noite, Marcos Blanco. Os outros estiveron todos ben, pero el fixo un auténtico partizado que vén confirmar o que xa sabemos, que será un nome do que oiremos falar moito de agora en diante. A victoria chegou cando Marcos matou na rede un balón que posiblemente saíse pola liña de fondo, pero que tocou antes nun opoñente, conseguindo desta maneira o definitivo tanto número 25  que converteu ao Aldebarán-Intasa en campión da SM2 e nun dos dous equipos que ascenden este ano á Superliga masculina.

A victoria celebrouse, como non podía ser doutro xeito, con choros de alegría, con ducha de champán, “fueghos” fóra e facendo partícipe desta grande e histórica noite á afección e, sobre todo, á rapazada dos equipos de base, a quen lle tocará tarde ou cedo tomar o relevo para seguir soñando.

 

Share.