O Aldebarán-Intasa debuta este sábado na Superliga de volei

0

Acabáronse as probas, os ensaios e os axustes. Chegou a hora da verdade para o Aldebarán-Intasa San Sadurniño como único equipo galego na máxima competición do volei estatal. O equipo dirixido por Carlos Suárez estréase este sábado na Superliga recibindo no municipal ás 19.30h. ao CDV Río Duero Soria. O equipo local intensificou nos últimos días o traballo físico e técnico para pulir detalles co obxectivo de mostrar o seu mellor xogo na xornada inaugural diante da afección. A previa do encontro terémola este mércores a partir das 20.00h. na Casa da Cultura coa emisión en directo do programa da Radio Galega “Convivir deportivo” conducido por Alfonso Pardo. O programa poderá seguirse pola radio, pero tamén ao vivo e con entrada libre na propia Casa da Cultura.

O Aldebarán aínda rematou onte o seu calendario de partidos de pretemporada disputando un encontro na casa do Emevé Lugo. Un enfrontamento amigable que se saldou cun 1-3 favorable á escuadra azul, que sacou deste xeito a espiña chantada no trofeo municipal de hai dúas fins de semana, cando os lugueses lles arrebataron a final.

A victoria en Lugo dá conta de que o cadro técnico e deportivo se esforzou nos últimos días para corrixir algúns erros que só se poden ver xogando e que, de producirse, poden saír caros nunha competición ligueira do máximo nivel que non dá marxe aos fallos. Neste sentido, o Aldebarán fixo os deberes e preséntase ao arranque da Superliga cargado de ánimo e cunha maquinaria perfectamente sincronizada para dalo todo.

Tralo encontro de onte contra o Emevé, os xogadores teñen hoxe día de descanso antes de retomar a actividade previa á estrea. Día de asueto que culminará ás oito do serán na Casa da Cultura coa visita da Radio Galega. A cadea pública emitirá desde alí -con entrada libre- o espazo “Convivir Deportivo” que presenta o xornalista Alfonso Pardo. A escaleta do programa recolle unha entrevista co impulsor do volei en San Sadurniño, o mestre retirado Manolo Seco, e tamén unha charla cos xogadores, quen seguramente lle trasladarán á audiencia como afrontan esta nova etapa como únicos representantes galegos na máxima categoría do volei.

Ademais, tamén é seguro que aproveitarán as ondas para exhortar á afección a que encha as bancadas do pavillón municipal. Este ano, e de cara a sufragar os custes da permanencia, o Aldebarán cobrará as entradas nos partidos da casa: 8€ a xeral e 6€ a de menores de 18 anos. Iso si, o club tamén habilitou abonos de temporada:

Tipo de abono Importe
Abono Xeral 50€
Abono Xuvenil (-18 anos) 30€
Abono Club (pais/nais xogadores/as da base -2 persoas) 60€
Abono Familiar (2 persoas adultas + 2 menores) 80€
Abono Amigo (3 persoas adultas) 120€

 

Para solicitar estes abonos pode descargarse desde esta ligazón a folla de petición e domiciliación bancaria, que deberá entregárselle ao club debidamente cuberta.

O partido do sábado comezará ás 19.30h. O Aldebarán-Intasa San Sadurniño terá diante unha codia dura de roer, o Río Duero Soria, que rematou 4º da táboa clasificatoria na temporada 17/18 e leva xa varios anos finalizando da metade da clasificación para arriba. Porén, esta é unha competición nova e todos os equipos parten de cero… e como adoitan dicir as xeracións máis novas, o Sansa “is in da house”.

 

Share.