O Aldebarán-Intasa agarda encher o pavillón no enfrontamento contra o Valladolid

0

O equipo local de volei da SM2 ten unha importante cita este sábado ás 19.30h. no pavillón municipal de San Sadurniño. A esa hora arrancará o encontro no que medirá forzas co Universidad de Valladolid, segundo clasificado no Grupo A da liga. Os de Blanco sairán á pista para dalo todo co obxectivo de non perder o liderado e de ratificar aínda máis o seu magnífico momento. A prol teñen a confirmación de praza da Copa Príncipe, que lle dá ao Aldebarán un plus de confianza nas súas posibilidades para continuar practicamente imbatido. En contra, o empuxe dunha formación visitante que chegará determinada a empoleirarse na táboa ao tempo que saca a espiña de ter perdido na casa contra o Sansa.

O capitán do Aldebarán-Intasa, Uxío García, aseguraba esta mañá que será “un partido emocionante” para o que agardan o máximo apoio da afección. O club conta encher o pavillón e en non deixar escapar a ocasión de seguir poñendo terra por medio cos vallisoletanos, firmes aspirantes tamén a loitar polo ascenso.

E é que ascender é, hoxe por hoxe, o principal obxectivo do Aldebarán, logo de asegurar que este ano tamén vai loitar pola Copa Príncipe. Un trofeo co que se fixo o ano pasado e que significou para o capitán do Sansa “perderlle o medo á categoría”.

Para García, os éxitos que se están colleitando nesta temporada -cabeza de grupo e só unha derrota- responde a que se “fixeron os deberes” desde a área técnica incorporando puntais con experiencia en SM1 como Raúl Gómez ou Andrés Portero que se viñeron unir a un equipo xa de por si ben compenetrado.  Uxío tamén lle atribúe boa parte do resultado ao adestrador-xogador Manuel Blanco  “que nos fixo ver que podiamos ganarlle a equipos máis grandes, con máis historia. Ao final crimos nas nosas posibilidades e estamos crendo nelas e saen as cousas ben”.

Con ánimo e co equipo engraxado, o Aldebarán chegará ao encontro do sábado -19.30h.- no pavillón municipal contra o Universidade de Valladolid. Estarán todos, ou case todos, xa que o propio Uxío García é dúbida tras sufrir unha pequena escordadura no adestramento de onte. O capitán asegura que estará a punto para saltar á pista e sumarse a unha loita na que o Aldebarán-Intasa buscará deixar ben claro que este ano será un dos inimigos a batir na promoción de ascenso á máxima categoría.

O próximo encontro tamén o xogarán na casa o sábado 10 recibindo ao Arona Tenerife Sur. Antes das vacacións do Nadal, o sábado 17, viaxarán a Castela e León para enfrontarse contra o CyL Palencia 2018.

 

Share.