O Aldebarán enfronta a Copa Príncipe como favorito para revalidar o título

0

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este mediodía a presentación oficial da X Copa Príncipe de voleibol que enfrontará esta fin de semana no pavillón municipal aos catro equipos mellor clasificados da SM2. Unha cita que, ademais, lle ofrecerá ao Aldebarán-Intasa a oportunidade de revalidar o trofeo conseguido o ano pasado no mesmo recinto. O equipo parte non xa como aspirante senón como favorito e cunha carga extra de “responsabilidade” por ter que defender o título e por asumir xunto coa Federación a organización dun torneo que volve a San Sadurniño por segundo ano consecutivo.

A quenda de intervencións da presentación da copa abriuna o alcalde, Secundino García,  acompañado do presidente da Federación Galega de Voleibol, José A. Luna, do presidente do Aldebarán, Juan Manuel García Rodríguez, da titular da área municipal de Deportes, Sabela Cinza, e de boa parte do cadro técnico e de xogadores do equipo anfitrión. Secundino García interviu brevemente para sinalar que a disputa do trofeo en San Sadurniño “é unha honra para o concello” e para expresar a súa esperanza de “poder disfrutar da victoria do equipo local”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Voleibol, José A. Luna, explicou que a opción de solicitar para San Sadurniño a sede da X Copa Príncipe obedeceu ao “alto nivel” organizativo demostrado o ano pasado polo Aldebarán. Con todo o responsable federativo adiantou que nesta edición se tentará “achegarlle un salto de calidade para que sexa a mellor edición Copa Príncipe”. Luna mostrou o seu desexo de que o equipo anfitrión “volva repetir o título” e que, ademais, tamén consiga ao final da temporada o salto á Superliga 1 “para volver ter un equipo galego no máis alto das competicións nacionais”.

Tal e como explicou o presidente da FGV, o torneo KO comezará coas semifinais do sábado pola tarde, cando se enfrontarán o Sant Pere i Sant Pau e o Universidade de Valladolid -17.30h.- e o Aldebarán-Intasa e mailo CV Leganés ás 20.00h. Os ganadores destes dous partidos xogarán a final o domingo ás 12.00h. Un partido este último que será emitido en diferido ás 14.00h. pola TVG2.

Ao respecto dos detalles organizativos, José Antonio Luna adiantou que o torneo terá “máis vistosidade” que na edición anterior, xa que a Federación Española de Voleibol cedeu para o evento unha cobertura de Taraflex -un material sintético que amortece as caídas e o impacto sobre as articulacións- e tamén está previsto instalar dispositivos de marcación electrónica especiais.

Un equipo favorito
O presidente do Aldebarán de volei, Juan Manuel García “Cobelo”, destacou que San Sadurniño vaia acoller o trofeo por segundo ano consecutivo “algo que nunca ocorrera en ningunha cidade española” e asegurou que “o club vai estar á altura” tanto na parte da organización como na deportiva.

“Cobelo” dixo que o Aldebarán “parte como favorito” e que o club ten asumido “como unha obriga” volver ganar o título, habida conta de que “xogamos na casa, somos organizadores e defendemos título”. Na mesma liña tamén se manifestou o adestrador-xogador Manuel Blanco, aínda que sen dar nada por ganado. Blanco asegurou que para a formación “é un orgullo” chegar a unha segunda final de Copa, pero tamén “unha responsabilidade e un compromiso dobre”  por ter que defender o título e superar o listón que se puxo o ano pasado na organización.

O adestrador do Aldebarán-Intasa afirmou que o parón do Nadal “veu ben” e que, neste sentido, a escuadra local “está motivada e con ilusión”. Iso si, Blanco puntualizando que, a diferenza da edición de 2016, na Copa Príncipe deste ano vanse ver equipos da SM2 que están xogando  “a un nivel máis alto”.

O Aldebarán-Intasa agarda repetir o éxito colleitado o ano pasado. Un éxito no que foi fundamental o apoio do público e por iso desde o club faise un chamamento á afección para volver encher o pavillón esta fin de semana.

Curso de “Data Volley”
Aproveitando a disputa da Copa Príncipe, a RFEV, a Federación Galega e o Aldebarán organizaron para o sábado e o domingo un curso de “Data Volley”, o programa informático con maior difusión para a xeración de estatísticas dos encontros en tempo real.

O clinic ten un custe de 60 euros e oferta cincuenta prazas dirixidas a persoas relacionadas co voleibol ou con titulacións do ámbito deportivo. O poñente principal será Juan Alonso Fernández Coppel, Técnico de Seleccións Españolas Absolutas que impartirá varias conferencias nas que se buscará aumentar os coñecementos do funcionamento do programa estatístico de toma de datos empregado a nivel internacional.

O prazo de inscrición finaliza hoxe e hai máis información a nun documento pdf dispoñible nesta ligazón.

 

Share.