O Aldebarán e o Concello asinan o convenio anual para a promoción do volei en San Sadurniño

0

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente do club de volei Aldebarán-Intasa, Juan Manuel García, asinaron hoxe esta tarde na Casa do Concello o convenio a través do que a administración local lle achegará este ano á entidade un total de 18.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades, entre elas o mantemento das escolas municipais desta disciplina. O clube conta nestes momentos con 12 equipos nas distintas categorías das ligas provincial e galega, ademais da escuadra da SM2 que aspira ao ascenso. O primeiro equipo rematará este sábado a liga regular recibindo ao Club Vigo Voleibol -pavillón municipal, 18.00h.- para meterse de inmediato na liguiña de promoción á máxima categoría do volei estatal. 

O Aldebarán-Intasa de voleibol percibirá 18.000 euros destinados a gastos federativos e ao custe de monitoraxe das escolas deportivas municipais nesta disciplina. O 50% do convenio pagaráselle ao clube trala sinatura, mentres que os 9.000 euros restantes ingresaranse en dous prazos: o primeiro en xullo  -4.500€- e o segundo -outros 4.500- en decembro, momento no que a entidade deberá presentar a xustificación dos gastos.

Mediante este convenio o clube comprométese a manter as escolas durante nove meses ao ano e a colaborar coa administración local na promoción e na organización de eventos deportivos. A cambio, ademais da contía reflectida no acordo, o Aldebarán tamén terá un acceso preferente ao pavillón municipal ao tempo que continuará dispoñendo dun local no propio recinto.

Entre as escolas e os equipos en competición, o Club Voleibol Aldebarán move máis dun cento de deportistas de distintas idades. As escolas e equipos de base contan con 90 participantes de entre 6 e 18 anos repartidos case a partes iguais entre rapazas e rapaces. Canda eles e elas cómpre contar os 20 compoñentes dos equipos senior feminino e masculino e maila escuadra da SM2 que, neste 2018, aspira a coroar o proxecto deportivo dos últimos anos ascendendo á Superliga, a división de ouro do volei estatal.

O presidente do clube, Juan Manuel García “Cobelo” sinalaba esta tarde que a liga de promoción de ascenso se presenta “complicada” pero que, malia todo, “o equipo ten confianza” en poder confirmar as súas expectativas. Non o vai ter fácil. Un dos seus rivais na loita será o EMEVÉ Lugo, xa confirmado como cabeza da táboa do Grupo A xunto co Aldebarán. Pero o resto de contrincantes decidirase esta fin de semana entre o Podes i Tales CV Manacor, o CV Leganés e o Michelín Mintonette Almería. Os dous primeiros marchan empatados a 35 puntos e o terceiro ségueos de preto con 34. A priori o Manacor ten praza case asegurada con tal de vencer ao antepenúltimo de grupo, o VP Madrid, mentres que O Almería e o CV Leganés deberán xogar o sábado un partido a cara de can para facerse coa segunda praza na promoción.

Este é o segundo ano en que o Aldebarán-Intasa se mete na loita polo ascenso, que se disputará nun todos contra todos a seis encontros entre os dous cabezas de cada grupo da SM2. Pero para iso aínda faltan uns días e o equipo local agarda facer unha boa actuación esta fin de semana perante a súa afección no que é o derradeiro partido da liga regular. Os de Charly Suárez reciben ás 18.00h. ao Club Vigo Voleibol -penúltimo da táboa- coas miras postas en ir engraxando a maquinaria que deberá estar a punto para a liguiña de promoción.

O club quere celebrar como se merece o remate da liga e por iso organizou un cocido para a noite do sábado -22.00h.- no patio cuberto do CPI. O menú: sopa de cocido, codido, sobremesa, viño e auga, café e licores, seguidos da actuación musical da solista “Patri”. Todo por 20€ no caso de persoas adultas e mocidade, mentres que o prato para rapazada menor de dez anos custará 10€. As reservas hai que facelas nos teléfonos 699 553 975 ou 630 288 080 antes do día 1 de marzo.

 

Share.