O Aldebarán e a súa afección prepáranse para recibir á Textil Santanderina no pavillón “feo”

0

Xa non hai nada que facer en canto á permanencia. A parte negativa é que hai que volver á SM2 e a positiva que o Aldebarán Intasa pode rematar a liga regular sen ningún tipo de presión, gozando de cada partido e aprendendo até o final, obxectivo co que o equipo se embarcou no incerto e duro mar da primeira división estatal. Por outra banda, o equipo tamén busca ofrecerlle victorias á súa afección. Anque xa sexa tarde, é para eles é prioritario recompensar desa maneira tanta entrega da bancada. Volverán tentalo este sábado fronte á Textil Santanderina, unha escuadra do medio da táboa que, en principio, non é un rival inalcanzable. O partido xógase no municipal ás 19.30h. e a brigada azul saltará á cancha dese “pavillón feo, como unha nave rara” -tal e como dixo o santanderino Ángel Rodríguez- que, ao cabo, é o fogar do Aldebarán, de toda a súa base e tamén da afección.

As palabras do xogador visitante chegaron ás redes sociais en forma de vídeo e causaron certo rebumbio no volei local. O presidente do equipo, Juan Manuel García “Cobelo” foi un dos primeiros en deixar entrever o seu malestar polos comentarios do oposto da Textil Santanderina e desde o seu perfil en Facebook anima a “encher o pavillón” mañá sábado para “darlles unha malleira de primeira”, obviamente en sentido deportivo.

Algo máis directo foi o capitán, Uxío García, quen criticou os comentarios de Ángel Rodríguez Dosal recordándolle que o pavillón municipal “é unha das grandes pista de España, con moitísima historia e moitísimo volei”.

Visto o vídeo a cousa non ten demasiada trascendencia. De feito antes de menosprezar o pavillón, Dosal  recoñeceu que veñen a Galicia xogar un partido “en teoría fácil… en teoría”, xa que o Aldebarán-Intasa é un equipo “que loita moito”. Pero a cuestión é que o detalle de chamarlle “fea” á casa do Aldebarán chegou para acender os ánimos no vestiario e entre a afección local. Razón de máis para achegarse mañá ata alí e ver como responden ambos pés do equipo, un dándoo todo na cancha e o outro rompendo a concentración dos rivais.

Xa sen nada que perder e todo por ganar, o Aldebarán xogará a baza da tranquilidade e da falla de calquera tipo de presión clasificatoria. Sábense na SM2 e, tal e como indicaba esta semana Uxío, “queremos deixar esta Superliga con victorias”, motivo polo que reiterou o convite á afección para encher a nave rara co aliciente de que ao final do partido se sorteará a camiseta de Pakito, “un dos mellores xogadores que deu San Sadurniño na súa historia”.

Contando con esta quedan tan só tres xornadas ligueiras. A semana que vén o Intasa visita o campo do Manacor e a última cita na Superliga será de novo na casa o sábado 30 deste mes recibindo ao UBE L’Illa Grau Castellón.

Convenio
O Aldebarán Intasa suscribiu esta mesma semana o convenio anual co Concello, que neste exercicio chega aos 30.000 euros. O cometido do acordo é, dunha banda, colaborar cos equipos masculinos e femininos do club que disputan a liga estatal e tamén as galegas e, ademais, continuar mantendo as escolas desta especialidade deportiva.

Share.