O Aldebarán buscará este sábado tres puntos moi necesarios para alonxarse da parte baixa da táboa

0

Penúltima xornada da liga regular da Superliga masculina de volei antes das vacacións do Nadal. O Aldebarán-Intasa San Sadurniño xoga na casa recibindo ao colista da clasificación, o Conectabalear CV Manacor, coas miras postas en colleitar tres puntiños cos que escalar algo na táboa e, de paso, rachar coa mala sorte dos últimos enfrontamentos. Desde o equipo volven apelar de novo á forza da afección pedíndolle que encha o pavillón municipal este sábado a partir das 19.30h. Ademais, o club ten en marcha sorteos de entradas a través da súa páxina en Facebook e do seu perfil en Instagram.

A desta fin de semana fai a décima xornada da ida, a tan só unha de chegar ao ecuador da competición regular, que rematará o próximo 30 de marzo. As cousas están así: hai doce equipos, os tres primeiros son o Unicaja Almería, o CV Teruel e o Ushuaïa Ibiza Voley e, empezando por abaixo, atopamos ao CV Manacor, o Barça Voleibol e ao San Sadurniño como décimo clasificado con cinco puntos colleitados na súa maior parte nos primeiros compases da competición.

Na parte máis ou menos tranquila da táboa están as outras seis escuadras e o Intasa ten a tiro de pedra escalar un posto alonxándose así da zona vermella. Para iso ten que ganarlle ao colista e, se é pola máxima, mellor. Ademais tamén deberá pinchar o Río Duero Soria -9º clasificado- no seu enfrontamento a domicilio co Melilla -8º-, que promete ser moi disputado.

En calquera caso, o equipo que dirixe Carlos Suárez está ben de forma e de ánimo malia os resultados dos últimos partidos. Cómpre ter en conta que o equipo mostrou talla suficiente contra os primeiros espadas dunha competición que, de cara ás próximas xornadas, lle depara partidos con formacións que, en principio, teñen o seu mesmo nivel.

Un dos obxectivos desta primeira temporada na máxima división do volei estatal era aprender e lograr a permanencia. Agora a táboa xa está suficientemente asentada como para ver que hai tres ligas: unha entre os catro primeiros, outra entre os catro do medio e, a terceira, entre os catro últimos. E o Intasa está aí, a cabalo entre a segunda e a terceira, polo que todo apunta a que a súa prioridade a partir de agora será a de esprintar entre os seus iguais, tentando poñer puntos de por medio que lle dean certa comodidade para encarar a recta final da competición, cando xogará de novo coas lebres da Superliga.

Aínda quedan moitos partidos e o Aldebarán tampouco dixo aínda todo o que tiña que dicir na liga. E para o que falta por xogar na casa o equipo pide a máxima implicación das bancadas, tal e como ocorreu ata agora. O partido deste sábado preséntase, a priori, doado. Iso si, pode pasar de todo e por iso é necesario encher o municipal para animar e, igual de importante, caldear un ambiente que cree un clima favorable para os da casa e un certo desacougo para os visitantes. Para que a cita sexa aínda máis apetecible, o club ten en marcha unha campaña a través das súas redes sociais sorteando catro entradas, dúas na páxina en Facebook e outras dúas en Instagram. Pódese participar até a medianoite deste xoves e as persoas gañadoras daranse a coñecer mañá.

Share.