O alcalde solicita unha xuntanza co novo delegado do Goberno

0

O Concello cursou hai escasos días a petición formal dun encontro entre Secundino García e o novo delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, para tratar distintos asuntos que lle afectan a San Sadurniño, ademais de ser unha primeira xuntanza de cortesía para coñecérense persoalmente. Os temas que o alcalde quere abordar co delegado son varios, aínda que entre eles destaca a solicitude de colaboración ministerial para continuar co proxecto de posta en valor do castelo de Naraío ou o remate das reparacións da ala leste do Convento do Rosario, que acolle o posto da Garda Civil e a Casa da Xuventude. Na axenda do rexedor tamén se inclúe a petición de información sobre o posicionamento do Goberno con respecto aos proxectos eólicos de tramitación estatal que lle afectarían á nosa zona. A cita sería, na práctica, un recordatorio dos asuntos tratados en 2018 coa subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Riobóo, que tres anos despois seguen sen concretarse.

Con respecto ao castelo de Naraío, o obxectivo municipal é acadar financiamento para emprender unha nova fase da consolidación e posta en valor da fortaleza que permita seguir descubrindo os seus segredos e poñéndoos a disposición do público, habida conta de que a edificación se converteu nos últimos tempos nun dos principais reclamos turísticos da comarca.

A petición municipal busca reeditar a colaboración mantida hai máis dunha década, cando o Ministerio de Fomento destinou 227.000 euros do denominado 1% cultural á segunda grande intervención que se levou a cabo no castelo, cofinanciada naquel momento pola Consellaría de Cultura do bipartito. “Queremos rematar a posta en valor do castelo. As obras financiadas pola Deputación que finalizaron o ano pasado déronlle máis relevancia turística e patrimonial e o noso obxectivo agora é implicar de novo ao Estado  nun proxecto que continuaría as escavacións e a consolidación do perímetro inferior dos muros. A idea que temos é asegurar a cortina sur, avanzar na investigación e incluso habilitar un sendeiro que permita dárlle toda a volta á fortaleza pola súa parte máis baixa”, explica Secundino García.

En relación coa conservación do patrimonio, o Concello tamén lle trasladará ao delegado do Goberno a solicitude de colaboración para acometer as reparacións “urxentes” que require parte da cuberta da antiga Casa do Concello, situada no conxunto do Convento do Rosario. O bispado -con axuda da Xunta- fixo traballos de conservación nos últimos anos tanto na igrexa como no claustro e outras estancias do edificio. Porén, na ala leste e norte -a que alberga as dependencias da Garda Civil e a Casa da Xuventude- precisa desde hai tempo o amaño da cuberta e do illamento.

A cuestión xa se tratou en 2018 na xuntanza mantida coa subdelegada, Pilar López-Riobóo e, tres anos despois, aínda non se produciu ningún avance. A intención municipal é chegar a un acordo co Ministerio do Interior para que asuma a parte correspondente dos custes. “O Concello cedeulle á Garda Civil parte das instalacións e o lóxico sería que o Ministerio colaborase nas obras, que ademais tamén completarían a conservación do conxunto arquitectónico do Rosario”, sinalou García.

Máis temas
Na reunión solicitada -que por agora non ten data fixada- seguramente se fale de máis cuestións de competencia estatal aínda pendentes, pero tamén doutras que xurdiron máis recentemente. Entre elas están anotadas a cesión da antiga vivenda do xefe de estación de Silvalonga e as melloras das comunicacións ferroviarias no norte da provincia.

Ademais, Secundino García tamén quere aproveitar o encontro con José Manuel Miñones para falar dos parques eólicos de tramitación estatal que se pretenden instalar na zona, sobre todo o parque eólico Caaveiro, proxectado ENEL Green Power. Neste sentido o rexedor quere “intercambiar impresións” co representante en Galicia do Goberno do Estado e “coñecer a súa postura” sobre os plans de despregamento eólico que lle afectarían a San Sadurniño e a outros concellos da volta.

Share.