O acto central das Letras Galegas, o venres na Casa da Cultura

0

As Letras Galegas están dedicadas este ano a Antón Fraguas Fraguas (1905-1999), destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo que xa desde moi novo marcou como obxectivo vital a defensa da lingua e da cultura de Galicia a través do ensino, da investigación e do activismo político. San Sadurniño honra a súa figura con música e escénicas nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura este venres a partir das 11.00h. con entrada libre. Pero hai máis, ese mesmo día en Naraío farán o propio a partir das 18.00h. coa actuación das escolas tradicionais de gaita, pandeireta e acordeón e o sábado a Confraría do San Pipote tennos preparada unha noite de monólogos.

Antón Fraguas Fraguas sufriu a represión franquista por causa da súa faceta intelectual e política. Porén, a diferenza doutros, el non se viu forzado á cadea nin á emigración, aínda que si tivo restrinxido o seu acceso á docencia pública, á que non voltaría ata 1950.

Participou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, foi membro numerario da Real Academia Galega e un dos impulsores do Museo do Pobo Galego. Desde que en 1929 publicara por primeira vez en A Nosa Terra, Fraguas acumulou ata a súa morte preto de 150 textos entre libros, artigos e ensaios, referidos na súa maioría ao estudo etnográfico de Galicia.

As Letras Galegas 2019 en San Sadurniño vivirán o seu acto central no patio interior do Concello  (actualizamos: o evento será na Casa da Cultura pola previsión de mal tempo) este venres 17 de maio a partir das 11.00h. Estará marcado pola música e a oralidade, coa obra “Antón Fraguas no bosque da Moura” e tamén a actuación do grupo folc Encrucillada. A actividade trasladarase á Casa da Cultura se lle dá por chover.

Á tarde, a partir das 18.00h., toma o relevo a AVV O Castelo de Narahío co seu Encontro de Cantares Tradicionais, no que se aproveita a data para afondar na figura da persoa homenaxeada alternándoa con música. Desta vez a entidade convidou aos grupos das escolas municipais de gaita e pandeireta e tamén ao alumnado das clases de acordeón que se imparten no seu local social. Teñen preparado un repertorio con pezas interpretadas individualmente por cada unha das tres agrupacións, pero tamén tocarán outras en conxunto, convertendo a Veiga nunha auténtica festa das letras.

Sábado de humor en Bardaos
E nesta fin de semana XXL que nos vén aí, en Bardaos tamén programaron un evento para a noite do sábado. A partir das 23.00h. a Confraría do San Pipote tráenos unha noite de comedia coa actuación de Oswaldo Digón e Tomás García.

As entradas para esta “Comedi Nai” están á venda a 10€ no Bar Marcial e na tenda naronesa Street Premium Outlet.

Share.