O 49º Rally de Ferrol pasará o sábado por Igrexafeita e Ferreira

0

O Campionato de España de Rallyes de asfalto chega esta fin de semana á nosa comarca coa disputa da 49ª edición do Rally de Ferrol. Unha cita co motor que promete espectáculo a base de maquinaria potente e trazados ben esixentes. Un deles percorrerá parte do territorio de San Sadurniño durante a mañá e primeira hora da tarde do sábado. Trátase do tramo San Sadurniño-As Somozas que se percorrerá en dúas veces sobre unha distancia de algo máis de 20 quilómetros. A proba empezará no noso concello en Igrexafeita e, tras completar o seu paso por Ferreira, finalizará nas Somozas. A circulación estará cortada en todo o itinerario desde as 8.45h. e as pistas non volverán abrirse ao tráfico ata o remate da segunda pasada, ao redor das 16.00 ou 16.30h.

Na competición tomarán parte un total de 76 equipos, con nomes tan destacados coma o de Miguel Fuster, Iván Ares, Javier Pardo ou Juan Vinyes. Xunto coa proba puntuable para o campionato estatal de asfalto tamén se disputarán a copa Peugeot Rallye Cup Ibérica, a Copa Suzuki Swift, a Dacia Sandero Cup e a Renault Clio R3T Cup, onde contaremos coa representación de Javier Bouza e Iván Bouza, bos coñecedores do trazado.

O rally pasará por San Sadurniño en dúas ocasións, unha a partir das 10.15h. e outra a partir das 14.48h., segundo consta nas previsións horarias da organización. Nos dous casos farán o mesmo percorrido, que cobre unha distancia total de 20,06 km.

O crono empezará a contar na Penalonga, en Igrexafeita, desde onde os coches iniciarán un vertixinoso descenso pasando pola Fraga -Ferreira- ata preto dos Pontigos, onde retomarán a subida con rumbo a Cadavás. Cruzarán a estrada provincial practicamente no aire, collendo logo un anaco de pista municipal que, poucos metros despois, levará os vehículos de novo á vía da Deputación, por onde continuarán até o cruzamento da Santa (A Leiriña). Nese punto collerán á esquerda e encamiñaranse a Santiso e As Filgueiras seguindo un itinerario moi rápido e técnico en baixada. Logo subirán de novo ao Xestal, San Cristovo e a Chabola, lugar predilecto para o público por estar alí unha das curvas clásicas da cita. Nese punto enlazarán cun descenso acusado até Amido, lugar de Igrexafeita no que o rally abandonará territorio de San Sadurniño para entrar na súa segunda metade  xa en pistas das Somozas.

O trazado varía considerablemente con respecto ao ano pasado e segue á inversa parte do percorrido do Rally de Narón. En calquera caso débese ter en conta que a circulación quedará cortada ás nove menos cuarto da mañá en todos os lugares de paso e non se volverá abrir ata que finalice a segunda cronometrada, xa ben entrada a tarde.

Desde o Concello recoméndase seguir os consellos de seguridade da organización, nomeadamente no referido a zonas prohibidas para o público. Tamén se pide precaución nas estradas e nos accesos aos puntos de maior interese, como pode ser a famosa curva de Ferreira. As razóns destas recomendacións son principalmente dúas: unha, a de garantir que non se produzan incidencias durante o desenvolvemento da proba -ou nos desprazamentos para vela- e, outra, que no caso de haber algún accidente grave os servizos de emerxencias teñan un acceso doado a calquera punto. De aí a importancia de estacionar correctamente e de seguir ao pé da letra as recomendacións, que a propia organización condensou nun vídeo protagonizado por algúns dos nomes máis destacados do automobilismo galego. Por outra banda tamén se debe ter en conta en canto á seguridade da circulación que o enlace de volta desde o tramo 6-8 Valdoviño-Cerdido (pasadas ás 11.13 e 15.46h.) pasa por Bardaos antes de conectar coa estrada de Ortigueira.

Outra petición que se fai desde o Concello e a organización ten que ver máis co civismo: non debe deixarse lixo por razóns obvias e, ademais, porque a práctica totalidade de lugares reservados para o público son leiras e montes privados.

Web do 49 Rally de Ferrol
Accesos aos tramos TC-5 e TC-7
Trazado en Google Earth

 

Share.