O 34º Rallye Cidade de Narón pasa o venres por Igrexafeita e Ferreira

0

Entre o venres e o sábado vai desputarse por distintos puntos da comarca a 34ª edición do Rallye Cidade de Narón. A proba é puntuable para a  Copa de España de Rallyes de Asfalto e nela inscribíronse preto de 80 equipos á procura da victoria tras completar un total de once tramos e case 400 quilómetros entre carreira e enlaces. O rally volve pasar polo noso territorio, aínda que non será o sábado como viña sendo habitual, senón na tarde do venres. O trazado “San Pedro-A Leiriña”, de 14,9 km, cruzará parte de Igrexafeita e Ferreira en dúas pasadas previstas a partir das 18:30 e  das 21:05 horas. O tráfico estará cortado entre as 17:30 e aproximadamente as 22:55h.

A proba automobilística arrancará no lugar de San Pedro, en Recemel. Desde alí os coches encararán San Sadurniño pasando polo Porto dos Bois e Santa Cristina ata cruzar o río e entrar en Amido, xa na parroquia de Igrexafeita.

Desde Amido subirán ata a Chabola -onde se encontra unha das curvas máis afamadas do rally- e logo desviaranse cara a San Cristovo para continuar camiño en baixada até as Filgueiras, onde xirarán á esquerda para volver subir polo medio do monte ata preto da Leiriña, onde se situará o punto final de cronometraxe.

Desde a organización e desde o Concello prégase que se atendan ás recomendacións de seguridade á hora de acceder aos tramo e de elixir os lugares para seguir a proba. Tamén se recorda que a circulación en todo o trazado San Pedro-A Leiriña, denominado no itinerario horario TC2 e TC4 San Pedro -“VO Ferrol”, estará cortada entre as 17:30 e as 22:55h deste venres 10 de xuño. 

O tramo non abrirá entre cada pasada, pero desde a organización informan que no caso de que fora imprescindible habilitarlle o paso a alguén que teña que saír ou entrar no percorrido  “buscaríase unha solución”. Para iso -e só se non hai outra opción- hai que chamar ao 698 941 138.

 

Share.