O 33º Rallye Cidade de Narón pasa o sábado á tarde por Igrexafeita e Ferreira

0

67 vehículos participarán na 33ª edición do Rallye Cidade de Narón que percorrerá os concellos de Moeche, As Somozas, As Pontes, San Sadurniño e A Capela durante a xornada deste sábado. Nun principio estaba previsto un tramo nos arredores do Pazo da Cultura de Narón que, finalmente, foi suspendido esta mesma mañá por acordo entre a organización e o consistorio naronés para evitar aglomeracións de público. Os que si se disputarán son os outros: Vilachave, As Pontes, Ferreira e A Capela. No caso de San Sadurniño -tramo Ferreira- haberá dúas pasadas de tarde, unha a partir das 16.10h. e outra prevista para as 19.10h. O tráfico cortarase na zona de paso e accesos directos ao tramo unha hora antes de cada unha das cronometradas. A intención da organización é poder reabrir a circulación entre as dúas pasadas, aínda que iso vai depender de que non se produzan incidencias que poidan retrasar o programa previsto.  O público debe ter en conta que para acceder aos tramos fai falla inscrición previa a través desta web

En San Sadurniño o trazado modificouse con respecto ao doutros anos. Os coches sairán da Penalonga, baixarán á Fraga e, no fondo de Ferreira, collerán o primeiro desvío á dereita para subiren cara á Cabola pasando ao carón do Muíño de Tembrás. Ao carón do bar conectarán coa estrada provincial nun ángulo de 90º á dereita e despois, 200 metros máis arriba, tomarán á esquerda a pista de Amido na que é desde sempre unha das curvas máis espectaculares deste e doutros rallys que pasan por Ferreira. Despois de cruzar o río en Amido, o tramo entrará en territorio das Somozas subindo por Santa Cristina, A Veiga, Porto dos Bois e remate na Pena de Eiriz.

O inicio das dúas cronometradas está previsto para as 16.10 e as 19.10h. O tráfico cortarase en todo o trazado a iso das 15.10h. e volvería abrirse durante aproximadamente unha hora tralo paso do último vehículo, ofrecendo unha fiestra temporal de 17.10 e as 18.10h. entre as dúas pasadas. Desde a Escudería Siroco Narón apuntan, iso si, que esta apertura só se fará efectiva se non se producen incidencias que poidan descadrar o programa horario.

Desde o Concello recoméndase seguir os consellos de seguridade da organización, nomeadamente no referido a zonas prohibidas para o público. Tamén se pide precaución nas estradas e nos accesos aos puntos de maior interese. Por outra banda, en aplicación do protocolo preventivo da COVID-19, a escudería require que se faga inscrición previa mediante código QR para acceder aos tramos. Sobre o uso da máscara haberá que agardar ao que digan as autoridades sanitarias ao longo desta semana, aínda que en principio si será obrigatoria por tratarse dun evento no que se prevé grande afluencia de público.

O 33º Rallye Cidade de Narón é puntuable para a Copa de España de Rallys de Asfalto, ademais de sumar para o Desafío Kumho Asfalto e contar co Trofeo Legend MCJ Abarth.

Máis info na web do Siroco Narón

Share.