O 31 de outubro comezan as asembleas do Orzamento participativo

0

San Sadurniño foi pioneiro na implantación de mecanismos participativos na vida municipal tanto en Galicia como no resto do Estado e tamén un dos primeiros en impulsar a implicación da veciñanza na definición dos orzamentos xerais do Concello. O proceso do Orzamento participativo reiniciarase por oitavo ano consecutivo na primeira semana de novembro a través das asembleas veciñais nas que é a xente quen propón investimentos e outras actuacións que son necesarias no municipio. No anterior proceso as xuntanzas aproveitáronse para explicar as liñas estratéxicas do PXOM -aprobado inicialmente a finais do ano pasado- e neste volverá abordarse o tema para dar conta de cal é a situación actual en canto á súa tramitación.

As asembleas de participación veciñal están abertas a calquera persoa empadroada no concello ou que teña unha relación directa de tipo social, laboral ou empresarial con San Sadurniño. Nelas debaterase sobre distintos asuntos que lle afectan ao territorio e que precisan algún tipo de solución, como poden ser a xeración de emprego, o aproveitamento de recursos, a mellora de servizos municipais e da eficiencia económica…, etc. En definitiva, ideas e propostas que poden ser beneficiosas para toda a comunidade.

O espírito das asembleas non é unicamente saber as obras que se queren para cada parroquia -aínda que tamén se poden propoñer- senón que se busca tomarlle o pulso ao territorio para coñecer con máis precisión cales son as súas necesidades. Así, das xuntanzas sairá unha relación de actuacións de todo tipo que se condensarán nun documento de acordo coa súa urxencia, a súa prioridade e, sobre todo, coas posibilidades reais de sacalas adiante. Esa escolma farase no seo da Mesa de participación veciñal, convocada para o 11 de novembro ás 20.00h. na Casa da Xuventude.

Quen queira implicarse en todo o proceso pode asistir ás asembleas veciñais ou ben facerlle chegar ao Concello as súas ideas e proxectos por medio da folla normalizada que se pode descargar algo máis abaixo. A ficha pode entregarse no rexistro, mandala por correo postal -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou enviala ao correo electrónico correo@sansadurnino.gal. Todas as reunións veciñais serán ás 20.00h. nos locais sociais de cada parroquia de acordo co seguinte calendario:

  • Igrexafeita: luns 31 de outubro
  • Santa Mariña do Monte: mércores 2 de novembro
  • Ferreira: xoves 3 de novembro (local da Seara)
  • Camiño Arriba: venres 4 de novembro
  • Bardaos: luns 7 de novembro
  • Lamas: martes 8 de novembro
  • Naraío: mércores 9 de novembro
  • San Sadurniño: xoves 10 de novembro (Casa da Xuventude)

 

Información sobre o PXOM
As asembleas participativas contarán de novo cun apartado específico para falar do PXOM e o estado no que se encontra a súa tramitación.

O planeamento xeral de San Sadurniño aprobouse inicialmente a finais de 2015 e a el presentáronse 420 escritos con alegacións e propostas. No momento actual están preparadas a meirande parte das contestacións ás alegacións, fixéronse as modificacións que a normativa premitía e estase á espera da chegada dos dous últimos informes sectoriais doutros organismos.

Unha vez recibidos estes informes e feitas as correccións que indiquen -se as houber-, o  Concello empezará a enviar as respostas ás alegacións e presentará a proposta de documento definitivo, que aínda deberá enviárselle á Consellaría de Medio ambiente para que faga a correspondente memoria ambiental. Con ela, o pleno do Concello xa podería aprobar provisionalmente o Plan para mandarllo de novo á Xunta para que o examine e o aprobe se cumpre con todos os requisitos.

Documentación descargable:
Folla de propostas (editable con Acrobat Reader)
Folleto informativo sobre o proceso

 
Share.