O 112 pide que se manteñan desaloxados tres inmobles á beira do río Castro

0

A presa situada no lugar do Castelo, en Naraío, segue na mesma situación desde que o venres á tarde se lanzase o aviso sobre o perigo de derrubamento. Persoal de Hidroeléctrica Río Castro -concesionaria do salto- inspeccionou esta mañá a zona para verificar que na estrutura non se produciran novos desprendementos, ao tempo que lle mostrou o alcance dos danos á construtora contratada para levar a cabo a reparación, que podería iniciarse ao longo desta semana. Á mesma hora en que se realizaba a inspección, desde o 112 informábase ao Concello da necesidade de manter desaloxadas as tres vivendas máis próximas ao cauce, só unha delas habitada de maneira permanente.

O aviso da AXEGA refírese principalmente a un muíño rehabilitado hai anos como vivenda que se encontra situado no lugar de Riolimpo, a 750 metros da presa. O Concello intermediou entre a familia afectada e a empresa concesionaria para que esta lles proporcione aloxamento mentres o encoro non quede asegurado.

Ademais, o departamento de emerxencias tamén lle comunicou ao Concello que tampouco debían permanecer ocupadas a antiga casa de turismo rural situada preto da minicentral (deshabitada desde hai anos), así como outro inmoble do lugar do Batán empregado como segunda vivenda e cuxos propietarios xa foron avisados.

O persoal de Hidroeléctrica Río Castro visitou esta mañá de novo a presa na compaña da construtora que se encargará do arranxo dos desperfectos. Segundo comentaron fontes da empresa, a intención era solicitar hoxe mesmo a Augas de Galicia a autorización urxente para as obras, co obxectivo de poder inicialas ao longo desta semana.

Prohibido o acceso á fervenza do Castro
Aproveitando a tregua que deu hoxe o mal tempo foron varias as persoas que se achegaron visitar o castelo de Naraío e que logo tiñan intención de baixar até a fervenza do Castro. Porén, a zona permanece pechada desde o venres con cintas e carteis de precaución e, ademais, o principal carreiro de acceso encóntrase cortado pola auga que baixa con forza desde o aliviadoiro da canle da central, aberto para diminuír o nivel da presa.

Desde o Concello de San Sadurniño vólvese pedir que non se sobrepasen as zonas balizadas e que non se percorra o sendeiro do Castro no tramo situado augas abaixo do encoro, aínda que si se pode completar sen perigo o trazado superior, entre o Castelo e o Pozo de Lamas, así como visitar a fortaleza. Neste sentido, o Concello de San Sadurniño xa sinalou en Google Maps -principal guía para turistas- o peche temporal da fervenza, da piscina natural situada uns metros máis abaixo e das íconas do sendeiro do río Castro.

Share.