Nuns días remata o prazo de inscrición no mercado local do entroido

0

O Concello está preparando a organización do primeiro mercado local deste 2017, que se celebrará o domingo 26 de febreiro nos xardíns municipais. O prazo de preinscrición leva varios días  aberto e finalizará o mércores 22. A área de Desenvolvemento Local agarda alcanzar unha alta participación tanto de expositores como de público, que terá a oportunidade de atopar todo tipo de artigos a bo prezo e, especialmente, produtos desta época tan dada a cocidos e laconadas. Este mercado non será, porén, o único evento relacionado co medio rural da semana, xa que para o día 22 o Concello e  a asociación A Cortiña organizaron unha  charla sobre a normativa de venda directa de produtos agroalimentarios, seguida o xoves 23 dun encontro de persoal técnico municipal cos responsables de Seitura 22 para falaren das axudas do Plan Leader. 

Volvendo ao mercado, a área de Desenvolvemento local incide en que se trata dunha cita aberta principalmente á pequena produción e comercialización coa intención de darlle saída aos produtos de calidade de todo tipo e, neste caso, aos propios do tempo do entroido. O Concello busca contribuír desta maneira a que se establezan cauces de venda directa e de proximidade para que a maior parte do valor engadido quede na produción local en vez de marchar ao comercio das grandes áreas.

No mercado adoita haber de todo: excedentes agrarios, produtos de temporada frescos e transformados, artesanía e oportunidades de segunda man. Ademais, por coincidir con Domingo de Entroido, o mercado estará animado a partir das 12.00h. pola comparsa do Aturuxo de Melpómene, na que se xuntan o teatro, o humor e maila música.

Quen queira participar cun posto neste encontro que se celebra nos xardíns municipais só ten que cubrir a solicitude dispoñible na web municipal e presentala dalgunha das seguintes maneiras:

-No Rexistro Municipal
-Por correo postal: Concello de San Sadurniño, Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño
-Por correo electrónico: agustin.perez@sansadurnino.gal

A data límite para apuntarse é o 22 de febreiro ás 14.00 horas. A listaxe de persoas admitidas publicarase ao día seguinte.

Charla sobre a normativa para venda directa
Ese mesmo día, o mércores 22 de febreiro, o Concello e maila asociación agroecolóxica A Cortiña organizaron unha charla sobre a normativa que rodea a venda directa de produtos primarios en feiras e mercados, recollida no Decreto 125/2014 da Xunta de Galicia.

Que documentación debemos ter, en que rexistros debemos constar e outras cuestións relativas á trazabilidade e calidade dos alimentos serán explicadas por persoal da Consellería do Medio Rural nun encontro que terá lugar na Casa da Xuventude a partir das 19.00h. Anque a cita se programou hai varias semanas e vai estar centrada nesta cuestión, case con toda seguridade tamén se falará sobre as medidas adoptadas pola Xunta con respecto á praga dos patacais.

Encontro da asociación Seitura 22 con persoal técnico de desenvolvemento territorial
En relación co desenvolvemento local -aínda que noutra orde de cousas- cómpre apuntar tamén que o xoves 23 a partir das 10.30h. a Casa da Xuventude acollerá unha xuntanza de traballo da asociación Seitura 22 co persoal técnico de emprego e de desenvolvemento territorial dos municipios integrados na entidade.

Seitura 22 é a encargada da xestión dos fondos Leader e organizou o encontro para dar a coñecer as liñas mestras deste programa europeo e establecer canles de comunicación entre o equipo da asociación que acaba de ser contratado e os técnicos e técnicas dos concellos.

A asociación tamén convocou para a semana que entra as primeiras xornadas informativas abertas ao público en xeral. Serán o martes 21 ás 20.00h. no salón de actos da Asociación SEARA, no polígono de Penapurreira -As Pontes-; o mércores 22 á mesma hora na Fundación Ortegalia e o xoves 23, tamén ás oito da tarde, no edificio de usos múltiples da Malata, en Ferrol.

 

Share.