Nova fin de semana con múltiples frontes ás que atender

0

Achéganse tres días deses en que hai tanta oferta de lecer que imos ter que multiplicarnos para atenderlle a todo ou fiar moi fino para non perder nada… e aínda así non imos ser capaces de facelo. O Concello ten dous eventos programados: a ruta de sendeirismo do sábado pola mañá e o mercado local do domingo. Porén, o sábado -véspera do San Xoán- o territorio tamén se encherá de lumeiradas pequenas e grandes para celebrar o solsticio, poderemos ir botarlle unha pieza ao San Paio de Ferreira de Abaixo e, quen guste do motor, terá en Ferreira e Igrexafeita un dos tramos máis espectaculares do Rallye de Narón.

Vaiamos por partes. A ruta de sendeirismo coa que se pechará o Xuño Deportivo sairá o sábado ás 10.00h. do local social de Naraío -ao pé do campo de fútbol- e dará unha volta duns 12 quilómetros subindo á Louseira e baixando logo a Quintiá. Desde alí continuará descendendo até Pielas seguindo carreiros e pistas forestais para conectar co sendeiro do río Castro ata chegar ao castelo de Naraío. Desde alí reemprenderase a volta cara ao local social.

Ofértanse un máximo de 50 prazas que se cubrirán por orde de inscrición, que deberá facerse na Casa da Cultura ou mesmo o propio día da ruta antes de saír. Pola distancia e polo trazado en si, na actividade só poderán participar persoas maiores de 9 anos e que, en calquera caso, teñan costume de andar.

Recoméndase levar roupa transpirable, calzado cómodo -que non sexa de estrea e que protexa os nocellos-, e tamén auga e produtos comestibles de pequeno tamaño e alto valor enerxético, como por exemplo  barriñas de cereais.

Exhibición de Brío e do alumnado de Ilia Keilin [actualización]
E na mañá deste venres tamén nos chegou información a través das redes sociais de que o Club Brío ofrecerá ás 12.00h. do sábado nos xardíns municipais unha exhibición de danza contemporánea, baile tradicional -en colaboración con Airiños dos Carrís, de Cerdido- e hip-hop. Cómpre lembrar que media hora despois -ás 12.30h.- o alumnado de música de cámara do profesor Ilia Keilin pechará curso na Casa da Cultura cun concerto aberto a familias e ao público en xeral ata completar o aforo da sala.

70 comunicacións para o San Xoán, por agora
No momento de escribir estas liñas estamos a media mañá do xoves. Ata as 10.00h. o Concello recibira 70 comunicacións previas para fogueiras do San Xoán -e algunha tamén para o San Pedro-, unha cifra que aínda ha medrar ao longo do día e tamén mañá, de xeito que posiblemente se chegue a unha cantidade de instancias moi semellante á doutros anos, cando pasaron das 120.

Meteogalicia dá bo tempo para a noite do sábado. Iso e o feito de que as saltas cadren este ano en fin de semana son os ingredientes ideais para a troula, armada por familias, grupos de amigos ou por entidades veciñais como a de Naraío ou a de Igrexafeita, que volven convocar a veciñanza arredor do lume e a boa mesa.

En Naraío as actividades comezarán ás 18.00h. cunha ruta dirixida á rapazada para recoller herbas e flores coas que decorar o local social, ademais de aprender as propiedades curativas e máxicas asociadas a elas pola tradición. Cara ás 22.00h. a asociación veciñal organizou unha churrascada con inscrición previa que culminará co acendido do lume ao pé do local social e unha repichoca popular. No caso de Igrexafeita tamén haberá cea a partir das 21.00h. a base de sardiñas -e tamén con inscrición previa-, así como música a cargo de Matiz. Pouco antes da medianoite prenderase a cacharela.

Sábado e domingo, festas en Ferreira de Abaixo
Nesta fin de semana a parroquia de Ferreira tamén honrará ao San Paio ao pé do local social da Seara. Os festexos arrancarán o sábado  con misa solemne de mediodía, seguida da sesión vermú a cargo de Noche de Estrellas. A orquestra tocará tamén á noite, durante unha verbena na que estará acompañada do Grupo Pasión. O domingo só haberá sesión vermú trala misa oficiada na igrexa parroquial. O Grupo Antha ofrecerá un único pase antes de xantar.

Mercado local o domingo pola mañá
O Concello fixou a principios de ano o calendario de mercados locais, que quedou establecido nos últimos domingos dos meses de maio, xuño, xullo, setembro e outubro. Ademais, a área de Desenvolvemento local tamén busca enriquecer a variada oferta con actos culturais e de dinamización complementarios. Para este mercado de xuño contaremos coa animación de Pedro Brandariz e o seu espectáculo de rúa “Os outros feirantes”, inspirado no universo máxico de Álvaro Cunqueiro.

No mercado do día do San Xoán participarán 36 postos nos que poderemos atopar produtos de temporada e alimentos transformados, planta, artesanía e artigos de segunda man a moi bo prezo. O listado completo de postos pode consultarse desde esta ligazón.

Atención ao paso do Rallye de Narón
Fóra de toda a programación municipal e veciñal é preciso mencionar tamén o paso do Rallye de Narón por Igrexafeita e Ferreira na mañá do sábado. A proba virá das Somozas e entrará no territorio municipal en Amido. Logo subirá até Caínce e torcerá á Chabola, onde dará unha volta digna dun slalom para encamiñarse posteriormente aos Pontigos. Nese punto emprenderá de novo a subida até a Fraga e, desde alí, proseguirá até a Penalonga, en Igrexafeita, onde estará situada a chegada do tramo.

En todo ese trazado de algo máis de 16 km. -incluída a parte das Somozas- cortarase o paso sobre as 8.15h. e xa non se volverá abrir ata completar as dúas pasadas previstas, unha a iso das 9.15h. e a outra ás 12.35h., de maneira que o tráfico se poderá reanudar ás 14.00h. aproximadamente.

Na web do evento -no que participan tres vehículos de San Sadurniño- pódese obter información completa sobre estes e outros horarios, ademais dunha guía moi útil para acceder aos puntos máis espectaculares e seguir a proba con total seguridade.

Share.