Nosa Enerxía ofrece un 5% de desconto na factura para a veciñanza de San Sadurniño

0

O Concello fíxose socio este ano de “Nosa Enerxía, Sociedade Cooperativa Galega”, unha entidade dedicada á comercialización de electricidade procedente ao cento por cento de fontes renovables.  Pouco a pouco a cooperativa vai medrando e xa son varios os concellos que seguiron os pasos de San Sadurniño uníndose a ela. Para agradecer este apoio, a cooperativa lanza unha oferta de desconto específico para as persoas habitantes de San Sadurniño. Trátase dun aforro do 5% na facturación do que se poderán beneficiar as persoas que se fagan socia e que contraten con esta cooperativa a subministración de electricidade.

Nosa Enerxía é unha comercializadora de electricidade coma a que todos e todas coñecemos, coa diferenza de que a súa estrutura está baseada na economía social, é dicir, é unha cooperativa na que ademais de clientes tamén podemos ser socios e socias con voz e voto. Desde a súa fundación en 2012 foi medrando en integrantes entre particulares, empresas e institucións, que hoxe suman 399 socios e socias.

O modelo de Nosa Enerxía SCG está moi estendido polo norte de Europa, onde só en Alemaña hai arredor de 12.000 pequenas comercializadoras deste tipo que, na súa maioría, tamén se centran na venda de electricidade procedente de fontes renovables.

O modelo está moi estendido polo norte de Europa, onde só en Alemaña hai arredor de 12.000 pequenas comercializadoras deste tipo que, na súa maioría, tamén se centran na venda de electricidade procedente de fontes renovables.

O prezo da corrente  anda en Nosa Enerxía na media do mercado -o contrato non é nin dos máis baratos nin dos máis caros- e, no caso das novas persoas de San Sadurniño que entren formar parte da cooperativa, haberá un desconto promocional dun 5% na facturación. Hai dúas maneiras de entrar na cooperativa: cunha achega única de 100€ ao capital social no caso de persoas ou entidades que contraten servizos coa cooperativa, ou de 200€ no caso de querer colaborar con esta iniciativa que incluso aspira a producir no futuro a súa propia enerxía. Eses cartos páganse unha soa vez e, ademais, poden recuperarse se se decide abandonar Nosa Enerxía.

Para máis información sobre a cooperativa e sobre esta oferta pode entrarse na web www.nosaenerxia.com, enviar un correo a nosaenerxia@nosaenerxia.com ou chamar ao teléfono 681.608.386 en horario de 10 a 14.00h. de luns a venres.

Bono Social Eléctrico
En relación co consumo de electricidade, desde Servizos sociais tamén informan de que o BOE acaba de publicar a regulación da figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para as persoas consumidoras domésticas de enerxía eléctrica.  A normativa publicada establece os modelos de solicitude,  os de acreditación do cumprimento dos requisitos, os criterios de cómputo de renda e tamén as novas categorías de persoas beneficiarias, clasificadas agora en familias vulnerables, familias con circunstancias especiais, familias numerosas, familias con pensións mínimas e outras.

As persoas consumidoras de enerxía eléctrica que á data de entrada en vigor a orde  sexan beneficiarias do bono social, dispoñerán de prazo ata o 10 de marzo de 2018 para acreditar a condición de persoa consumidora vulnerable. De non facelo dentro dese período, o bono social deixará de aplicarse a partir da primeira factura emitida, ou ben na factura inmediatamente posterior.

Para máis información e presentación das solicitudes pódese acudir ás oficinas de Servizos Sociais do Concello de San Sadurniño, solicitando cita no teléfono 981.490.027 ext.1.

Share.