Nós seguimos como estamos, pero suavízanse as restricións nalgúns concellos da zona

0

A Xunta anunciou este xoves unha rebaixa do nivel de restricións naqueles territorios onde se está notando unha diminución dos contaxios de coronavirus. San Sadurniño, igual que a maioría dos municipios galegos, segue como ata agora, con toque de queda das 23 ás 6 h., hostalaría sen servizo en barra e capacidade ao 50% no interior e ao 75% na terraza e limitación xeral de que se xunten grupos de máis de 6 persoas, sexan ou non convivintes. Porén, nos concellos da ría afectados polo peche perimetral -que seguirá manténdose en Narón e, de maneira conxunta, en Ferrol, Fene e Neda- a partir de mañá poderá volver abrir a hostalaría, aínda que con condicións distintas segundo o nivel de incidencia rexistrado por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Ademais, de cara ao Nadal, todas as comunidades agás Madrid acordaron no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde varias medidas de obrigado cumprimento durante as festas: na Noiteboa e na noite de fin de ano a limitación á mobilidade retrasarase ata a 1.30h, non se poderá nin entrar nin saír de Galicia -salvo para visitar familiares e achegados (?)- e as xuntanzas familiares non poderán sobrepasar as 10 persoas, rapazada incluída. Ademais, as cabalgatas de Reis e outras celebracións similares deberán ser “estáticas”.

As medidas relacionadas coa mobilidade e as capacidades da hostalaría adiantounas onte en rolda de prensa o presidente da Xunta e, previsiblemente, sairán publicadas ao longo do día de hoxe nunha edición BIS do Diario Oficial de Galicia coa finalidade de que entren en vigor a partir da medianoite.

No tocante aos movementos interiores o criterio seguirá como ata agora: nas zonas con máximas restricións manterase un perímetro do que non se poderá entrar ou saír agás por razóns xustificadas, mentres que  nos ámbitos restantes haberá liberdade de movementos. En todo caso haberá que estar de volta na casa ás 23.00h. e non se poderá saír até as 6.00h., a menos que haxa unha causa xustificada, como por exemplo ir de urxencia a un centro médico ou por motivos laborais.

A actividade comercial tampouco cambia e seguirá co aforo limitado a un 50%. Onde si haberá cambios é na hostalaría, que poderá volver abrir naqueles territorios cunha incidencia máis elevada, aínda que con distintas condicións segundo os casos acumulados por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días.

  • Nivel de máxima restrición, para concellos de máis de 10.000 habitantes cunha incidencia acumulada igual ou superior á ratio de 250 casos por cada 100.000 habitantes: na nosa zona son os de Narón, con 118 positivos nas últimas dúas semanas, e As Pontes, onde o número de positivos acumulados se sitúa hoxe en 90. Nestes municipios a hostalaría poderá abrir só as terrazas a un 50% e ata as 17.00h. Os grupos nas mesas non poderán sobrepasar as 4 persoas, sexan convivintes ou non.
  • Nivel de restrición  medio-alto (municipios de máis de 10.000 habitantes con entre 150 e 250 positivos acumulados por 100.000 habitantes, ou concellos con menos de 10.000 habitantes cunha taxa igual ou superior a 250): bares e restaurantes poderán atender a un 30% no interior -sen barra- e a un 50% en terraza. Terán que pechar tamén ás 17.00h. e os grupos non poderán ser maiores de 4 persoas. Na nosa comarca están nesa situación Ferrol, Fene e Neda. (ACTUALIZACIÓN: Con data 04/12/2020, a Xunta rebaixou as restricións en Fene e Neda, que con efectos das 00.00h. do sábado 05/12/2020 pasan ao nivel de restrición básica). O DOG 245-Bis con este cambio pode consultarse aquí.
  • Nivel de restrición media, cando a incidencia a 14 días estea entre 100 e 150 casos por cada 100.000 habitantes en municipios de máis de 10.000 habitantes ou entre os 150 e os 250 cunha poboación inferior: nese caso a hostalaría poderá ocupar até o 40% do interior e o 50% das terrazas e atender até as 23.00h. a grupos máximos de 6 persoas, convivintes ou non. Os municipios onde se dán esas condicións máis preto de nós son os que están dentro do peche perimetral da área da Coruña: A Coruña, Arteixo, Oleiros, Cambre e Culleredo.
  • Nivel de restrición básica (concellos de máis de 10.000 habitantes que estean por baixo dos 100 casos/100.000h./14 dias, e aqueles cunha poboación inferior cunha ratio por debaixo de 150): É o caso da maior parte dos municipios galegos, entre eles San Sadurniño, onde continúa o tope de 50% de aforo no interior, do 75% nas terrazas e grupos máximos de 6 persoas.

Un Nadal diferente
O anuncio do alivio das restricións para a hostalaría solápase coa información comunicada polo Goberno do Estado en canto ás medidas que se adoptarán con carácter xeral para previr contaxios durante o Nadal. Esas medidas debatéronse no Consello Interterritorial de Saúde Pública e foron anunciadas posteriormente polo ministro de Sanidade, aínda que algunha delas presenta serias dificultades para a súa aplicación práctica. De feito, Salvador Illa informou de que durante todo o Nadal se prohibirá a mobilidade entre comunidades autónomas salvo para visitar parentes e familiares, pero sen aclarar de que maneira se van controlar eses peches perimetrais -que estarán en vigor do 23 de decembro ao 6 de xaneiro- nin tampouco como se van poder xustificar eses desprazamentos.

Por outra banda, na Noiteboa e no día de Ano vello o toque de queda dará de marxe para voltar á casa até a 1.30h. A apertura da hostalaría rexerase no caso de Galicia polo que teña establecido a Xunta para cada zona segundo o nivel de contaxios acumulados e, a menos que o DOG o precise dalgún xeito, seguirá manténdose o peche perimetral dos municipios cunha maior incidencia. Dito doutro xeito: mentres non haxa publicación oficial neste sentido, nin poderiamos ir -por exemplo- a Narón ou As Pontes pasar a Noiteboa con familiares  nin eles poderían vir pasala con nós.

Eses encontros entre familiares e achegados do 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro estarán limitados a un máximo de 10 persoas, rapazada incluída, e recoméndase que só se xunten persoas dun mesmo grupo de convivencia ou como moito de dous, sen moita máis aclaración.

Neste contexto o que toca é volver apelar á prudencia, no sentido de que se extremen as precaucións -hixiene, uso de máscara, separación interpersoal- e que se actúe con responsabilidade. Son datas especiais nas que queremos volver xuntarnos, pero quizais sexa mellor poñer por diante o sentido común e celebrarmos un Nadal diferente cadaquén na súa casa.

 

Share.