Normas para a cesión de uso do traxe e a pértega contra a avespa velutina

0

O Concello acaba de mercar un equipo completo de eliminación de niños de avespas asiáticas composto por unha pértega incineradora e un traxe protector especial. A intención é que calquera persoa cun niño preto da casa poida solicitar este equipamento, levalo para a casa, facer o traballo de eliminación pola súa conta -e responsabilidade- e despois volvelo. A medida tómase ante as demoras que, segundo a área de Desenvolvemento local,  se están producindo no servizo de atención 012 da Xunta que, porén, segue sendo o primeiro sitio ao que hai que acudir para avisar da presenza de velutinas.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude na Casa da Cultura ou no Rexistro municipal coa que , de cumpriren os requisitos, obterán a cesión temporal deste material. Unha vez aceptada a solicitude entregaráselle a pértega e/ou o traxe. A pértega está composta por un conxunto de tubos lixeiros cun soprete no extremo semellante ao que se usa para chamuscar o porco na matanza. 

Folla de solicitude da pértega e/ou o traxe (.PDF)

As normas básicas para a cesión do material son as seguintes:

Persoas destinatarias
Poderán solicitar a cesión de uso da pértega adaptada todas as veciñas e veciños do Concello de San Sadurniño ou aquelas que, sen ter veciñanza neste concello, posúan propiedades dentro do seu termo municipal; sempre que cumpran os seguintes requisitos:

  • Ser maiores de idade.
  • Estar en plena disposición das súas capacidades físicas e psíquicas.

A veciñanza acreditarase mediante declaración responsable que poderá ser comprobada polos servizos municipais encargados do padrón de habitantes.

A propiedade de bens inmobles será acreditada mediante calquera título válido en Dereito ou, no seu defecto, mediante declaración xurada da persoa solicitante, que se responsabiliza da súa veracidade.

O Concello de San Sadurniño reserva para si o dereito a realizar as comprobación que se estimen oportunas para verificar os datos facilitados.

Admisión de solicitudes
Admitiranse todas as solicitudes que cumpran cos requisitos recollidos nestas normas. No caso de presentación incompleta da documentación requirida, notificarase e concederase un prazo de subsanación da mesma.

A tramitación das solicitudes realizarase por estrita orde de entrada no Rexistro municipal.

Réxime de concesión
Unha vez comprobada a validez da solicitude e completada a documentación necesaria para a mesma, resolverase nos dous días seguintes a concesión de uso da pértega solicitada por un prazo máximo de 5 días, prorrogable en función do número de niños que se pretendan retirar.

A concesión será notificada á persoa solicitante, sendo informada das condicións da mesma. Este acto pode ser simultáneo á entrega do material.

Condicións da concesión
A concesión de uso da pértega e o traxe de protección munic1pais realizarase en precario e segundo o procedemento recollido nestas normas de uso. O prazo de concesión de uso será por un máximo de cinco (5) días – prorrogable segundo o artigo anterior-, reservando o Concello a capacidade de revocación da concesión sen ter transcorrido o prazo mencionado por razóns de urxencia ou necesidade que serán trasladadas de xeito motivado á persoa concesionaria.

Responsabilidade das persoas usuarias
No momento de entrega da pértega, a persoa que a recepcione asinará un documento de entrega no que se compromete ao coidado da mesma e á súa utilización exclusiva para o uso solicitado.

En caso de deterioro ou rotura do material derivada dun mal uso ou uso inadecuado do mesmo, o Concello de San Sadurniño reserva o dereito de reclamación dos danos ou o inicio das accións que legalmente correspondan.

As persoas usuarias da pértega, alleas ao Concello de San Sadurniño , responderán dos danos e prexuízos causados consecuencia dun uso da mesma doloso ou neglixente; recaendo a responsabilidade exclusivamente sobre a persoa ou persoas causante(s) do mesmo, sen que caiba reclamación patrimonial ou doutro tipo contra o Concello, ao non desenvolverse os traballos por encargo da Administración.

Share.