Noite de calma tensa en Naraío onde o lume arrasou unhas 110 hectáreas(·) de monte

0

Os lugares de Lourido e do Eirexado, en Naraío, viviron durante a pasada madrugada horas de incertidume por mor do incendio que se declarou na noite do domingo no concello de Neda e que non tardou en entrar en San Sadurniño encirrado polos restos do furacán Ofelia. O lume saltou en Naraío nunha fronte duns tres quilómetros de lonxitude que nun primeiro momento avanzou a grande velocidade pero que, unha vez a sotavento das penas Louseiras, reduciu a súa forza malia seguir sendo imparable. O punto máis ameazado  foi o lugar do Eirexado, onde os servizos de emerxencia e a propia veciñanza mantiveron vixiada en todo momento a evolución das lapas na distancia para evitar que as vivendas se visen afectadas. En total, segundo unha primeira aproximación, só en Naraío arderon arredor de 110 hectáreas (* actualización, as medicións en días posteriores rebaixan ese número a arredor de 75)  e os únicos danos rexistrados foron os que sufriron os montes. No dispositivo de seguridade participaron equipos do GES de Mugardos, do SPEIS de Narón, de Medio Rural e a Garda Civil de San Sadurniño, ademais de varios veciños que colaboraron achegando cisternas e indicacións sobre o terreo. 

Crese que o lume comezou na zona de Anca, no concello de Neda, entre as 10 e as 11 da noite. As condicións eran perfectas: unha calor tropical abafante, o chan seco por mor da falla de chuvias, e un vento que xa a aquela hora zoaba con forza. Tres circunstancias que estiraron rapidamente a fronte polo monte baixo da ladeira oeste da Louseira, o monte que fai de linde natural entre Neda e San Sadurniño.

Do lado de Anca o incendio correu monte arriba e en diagonal con rumbo norte, seguindo a dirección que lle marcaba o vento do sur-surleste e a dispoñibilidade de masa combustible, que nesa zona é maiormente monte baixo. En Neda as lapas cebáronse tamén coa Lobeira, a Penalonga, os Galanos e Riocovo, ao tempo que xa se metía en Naraío por Lourido. Neste lugar a Garda Civil de San Sadurniño tranquilizou á veciñanza recomendándolle agardar nas casas  -situadas en zona segura todas elas- e, no caso dalgunhas persoas maiores con problemas respiratorios, tamén recomendou que pasasen a noite con familiares ante un posible cambiono vento que arrastrase o fume cara a Lourido.

Mentres nese lugar o lume se vía como un longo fío de luz avanzando paseniño pola ladeira abaixo ralentizado por estar xa a sotavento dos restos do Ofelia, no Eirexado a situación era de calma tensa á espera de como evolucionasen unhas lapas que alaranxaban a escuridade relativamente preto das casas. Foi alí onde se concentraron os maiores esforzos en protección. Inicialmente desprazáronse ata o lugar unha motobomba do distrito forestal e tamén as dúas patrullas da Garda Civil de San Sadurniño que estiveron en Naraío durante toda a noite. A elas uníronselles catro tractores con cadansúa cisterna e unha vintena de veciños e veciñas expectantes ante o lume e en disposición de botar un cabo se a cousa se puña fea. Porén, ata o lugar tamén se desprazaron dotacións do GES de Mugardos e do SPEIS de Narón, reforzadas xa ben entrada a madrugada por persoal e motobombas de Medio Rural, así como da Garda Civil de Tráfico por se fose necesario regular o tránsito para facilitar o movemento das brigadas.

O labor do dispositivo centrouse en ter vixiado de preto o lume e en regar os camiños para evitar que as lapas -que rodearon o cemiterio novo- viñesen monte abaixo cara á igrexa e as vivendas do Eirexado e Ferreiro, e que incluso puideran por en perigo as do lugar de Cabanas, os Torrentes e Liñares. O vento, que se fixo máis forte a partir das 3 da mañá, acurraba o incendio cara ao norte con lume de chan e copa que, por sorte, foi deixando atrás a zona poboada, domesticado namentras nas pistas forestais do Gandarón  polas brigadas de extinción.

Pouco antes das 6 da mañá chegou a auga anunciada polos partes meteorolóxicos. Unha chuvia fina e constante que axudou a refrescar o ambiente e que humedeceu a terra o suficiente como para facilitar o traballo de extinción, que continuou durante toda a mañá cun retén de Medio Rural formado por 5 brigadas e 3 motobombas.

Naraío pasou a noite en vela mirando ao monte. En ningún momento perigaron vivendas nin vidas humanas e, tal e como comentaba esta mañá Secundino García, a reacción da veciñanza “foi exemplar”. García explica que “desde o primeiro momento houbo gandeiros que trouxeron tractores e cisternas para contar con máis recursos contra o lume. Ademais, en Lourido, onde hai moita xente de avanzada idade, o labor doutros veciños e veciñas e de familiares foi moi importante para que estivesen tranquilas”. Neste sentido, García destacou a “profesionalidade” da Garda Civil de San Sadurniño “que foi porta por porta informando á xente da situación e dándolle recomendacións de seguridade moi precisas”.  O alcalde agradeceu tamén o labor tanto do GES de Mugardos como do SPEIS de Narón, así como o dos profesionais das brigadas enviadas por Medio Rural.

Sobre a orixe do incendio nada se sabe por agora, aínda que todo parece indicar que foi provocado. Nos primeiros momentos circularon polas redes e tamén polo boca a boca varios rumores sobre vehículos sospeitosos e mesmo sobre detencións que, porén, non están confirmadas.

Share.