Noemí Lorenzo expón ata febreiro na Casa do Concello

0

Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, protagonista de ducias de exposicións e recentemente premiada na XI Bienal de Florencia de 2017. Esa é parte da bagaxe artística de Noemí Lorenzo, unha creadora mugardesa que ata o 2 de febreiro mostrará unha escolma da súa obra na galería da Casa do Concello. Son case unha trintena de cadros de distintos tamaños, materiais e técnicas, unidas en todos os casos polo nexo común da estampación. Nelas achega unha mirada en constante evolución que comezou buscando o dominio da composición e que, pouco a pouco, vai abríndose a outras formas de expresión gráfica.

Tal e como comenta Lorenzo, na galería da Casa do Concello pode verse “de todo un pouco”, con exemplos de xilografía -estampación a partir de madeira-, litografía -o negativo é unha pedra tratada cun procedemento químico-, serigrafía -as tintas transfírense separadas a través de mallas moi tupidas- e mesmo gofrados, que consisten en darlle relevo ao papel para que teña partes cunha textura tridimensional. “En xeral é obra gráfica e incluso hai pezas que están pintadas que son as matrices das outras, é dicir,  aproveitei a madeira unha vez tallada para facer o cadro a posteriori”, explica a artista.

En canto ao contido das pezas, Noemí Lorenzo establece dúas partes ben claras: “Son obras de diferentes épocas. Hai unhas series que son máis visuais e abstractas na imaxe, son formas intentando compor o equilibrio. E logo hai unha serie que se chama Chocolat Nation que está traballada con xilografía e pó de cacao a partir de fotografías captadas no entroido de Notting Hill dunha comparsa que levaba o mesmo nome. Toda a rúa ulía a chocolate e intentei traer á obra ese aroma”.

A artista nacida no Seixo, en Mugardos, decántase pola xilografía por serlle “máis doada e accesible que a litografía”, aínda que, segundo asegura, nestes momentos tamén está adentrándose no mundo da serigrafía, adaptando a cada técnica o seu xeito de ver o mundo con formas xeométricas e humanas desprovistas de todo adobíos innecesarios.

Unha visión que en 2017 levou o terceiro premio no apartado de performance na XI Bienal de Florencia. Chegar ata alí non foi doado. Ao desembolso económico que supuxo participar na mostra houbo que sumarlle o feito de ter que destacar entre case medio milleiro de artistas de todo o mundo. “Seleccionáronme, pero é complicado”, comenta Lorenzo. Presentou unha obra de estampación manual de 2×2,5 metros onde  a frase “Eu madrugo para ser inútil durante máis tempo” se repetía constantemente “como eses castigos que nos poñían de pequenos… ou como eses rezos de rosario e mantras doutras relixións”.

Sobre a situación da arte na actualidade, Noemí Lorenzo di que a nova creación galega debe facer “un esforzo moi grande, dando pasos pequeniños día a día” para darse a coñecer. “Hai que seguir traballando porque temos moita canteira e temos que sacala adiante”, utilizando para iso espazos como do da galería da Casa do Concello, onde os novos valores teñen a oportunidade de expoñer de balde.

As obras de Lorenzo poderán admirarse ata o 2 de febreiro. Como é habitual, en horario de 8.30 a 14.30h. de luns a venres.

 

 

 

Share.