No verán, todo o mundo en forma!

0

O rural, como é o noso territorio, ofrécenos múltiples opcións para encher o tempo libre e para facermos exercicio lonxe de aglomeracións. Esa é a razón de que a área municipal de Deportes nos propoña un completo calendario para o verán co que manternos en forma ou facer unha actividade física máis intensa. O programa ten opcións para todas as idades e para o seu desenvolvemento priorizaranse os espazos ao aire libre, o distanciamento interpersoal e os grupos reducidos. Vexamos o que hai, que xa está recollido na nosa axenda de Google Calendar:

O Concello xa anunciou que, polo momento, o ximnasio municipal vai continuar pechado. Porén, iso non significa que non vaia haber oferta municipal para facer actividade física. De feito, durante todo o mes de xullo  haberá sesións de exercicio nos xardíns municipais dirixidas polo técnico municipal David Guiñazú.

Serán actividades divididas en quendas de hora e media para un máximo de 20 persoas por grupo e completamente gratuítas. As reservas nas sesións poderán facerse a véspera de cada día contactando co técnico no 647 491 371.

Os horarios son os seguintes: luns, mércores e venres ás 9.00, ás 11.00 e ás 13.00h. Os martes e xoves só haberá grupos ás 9.00 e ás 13.00h.

Os martes e xoves xogamos polas parroquias
Nesa hora e media que queda libre os martes e xoves, o técnico deportivo desprazarase polas distintas parroquias para proporlle á rapazada xogos tradicionais e cooperativos que se desenvolverán nas pistas polideportivas. Neles poderán participar as cativas e cativos de entre 8 e 16 anos en grupos de non máis de 15 persoas, priorizando que todas sexan da parroquia onde teña lugar a actividade. Recoméndase que a cativería leve gorra, protección solar e un botellín de auga. Tamén se aconsella o uso de mascarilla -aínda que se procurará manter sempre as distancias para que non sexa necesaria- e o Concello levará xel hidroalcólico.

Para sumarse a esta iniciativa tamén fará falla inscrición previa chamando ao 647 491 371. As sesións itinerantes comezarán ás 11.00h. e rematarán sobre as 12.30h. nos seguintes días e lugares:

  • Martes 7 de xullo, pista polideportiva de Bardaos
  • Xoves 9 de xullo, pista da Seara, en Ferreira
  • Martes 14 de xullo, pista polideportiva de Igrexafeita
  • Xoves 16 de xullo, pista de San Xiao de Lamas
  • Martes 21 de xullo, polideportiva de Santa Mariña
  • Xoves 23 de xullo, pista da Veiga, en Naraío
  • Martes 28 de xullo, nos xardíns municipais

Colle a bici
En colaboración co clube Biela e Chaveta, o Concello tamén nos ofrece dúas actividades distintas que teñen en común a bicicleta. A primeira delas é a tradicional
Ruta cicloturista en familia con saída e chegada no CPI de San Sadurniño e un percorrido moi doado que nos levará ata Pedroso por pistas pouco transitadas.

Será o domingo 19 de xullo a partir das 11.00h. e fará falla inscrición previa cubrindo a ficha correspondente (persoas adultas ou rapazada) e mandándolla a agustin.perez@sansadurnino.gal.

No itinerario poderán participar persoas maiores de 6 anos e será obrigatorio o uso do casco. Non se trata dunha carreira, senón de dar unha volta tranquila gozando da paisaxe e dun exercicio suave ao longo dun trazado circular practicamente chan duns 13 quilómetros de distancia.

Ademais desta ruta ciclista, entre o 4 e o 31 de agosto tamén se desenvolverá un Curso de bicicleta para nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Trátase dunha actividade de iniciación centrada no manexo e nunha condución segura. Equilibrio, inicio da marcha e detención, xiros a baixa velocidade… pero tamén uso do casco e doutras proteccións, circulación pola estrada, preferencias de paso…, todo para que as nenas e nenos monten en bicicleta con total confianza e respectando as normas que rexen para vehículos e peóns.

O curso terá lugar nos xardíns municipais -se chove trasladarase ao patio cuberto do CPI- todos os martes e xoves de agosto entre as 10.45 e as 12.15h. É totalmente gratuíto e tamén fai falla inscribirse enviando cuberta a agustin.perez@sansadurnino.gal a ficha de solicitude. Cómpre levar bici -obvio- e tamén casco.

Share.