No Pico de Ferreira hai algo máis que a Cama de San Vicente

0

A asociación Con Suma Conciencia segue sorprendéndonos coa súa faceta audiovisual. Este ano participou no Chanfaina Lab cunha produción que responde á súa liña de traballo reflexivo sobre como cambiar o mundo no que vivimos. Faino con humor e apelando a unha volta á orixe que nos conecte coa terra, coa cultura e coa tradición, empregando para trasladar a mensaxe unha peza fresca e integramente made in San Sadurniño que toma como punto de partida as lendas asociadas ao Pico de Ferreira. O seu título: “O Meigo mouro do repetidor”. Unha curta de risa pero con moito fondo na que queda ben claro que alí arriba, ao pé das antenas, hai algo máis que a cama do santo.

Un simple paseo pola contorna que depara un encontro abraiante cun pasado de lenda. Velaí a sinopse hiperresumida. Pero hai máis, moito máis. No canto de caer na simple adaptación do xa sabido, a xente de Con Suma Conciencia emprega o Pico de San Vicente como escenario dun diálogo entre un meigo un tanto atribulado polo cambio dos tempos e un sendeirista que sobe ao mirador -acompañado dunha voz en off- na procura das súas lembranzas de infancia.

E ata aquí podemos ler porque, de seguir, destriparíamos un guión chispeante cargado de referencias á actualidade dun mundo “que xa non cre en nada”. Esta curta é a quinta montaxe da asociación tralas exitosas “Paco, el Informático antidisturbios”, “Amancio Sigfredi, futbolista actor porno”, “Gustavo adolfo, el portero poeta” e a soberbia “Así va el país”. Pezas que poden verse na canle de youtube ConcienciaTV posta en marcha pola entidade dentro das actividades que levan a cabo para a “divulgación e concienciación no entorno local de novas alternativas e xeitos de vida, apostando por un mundo que funcione doutro xeito: enerxías libres, alimentación conscente, saúde e plantas medicinais, a música e o creativo como instrumentos de sanación”, tal e como se explica en Fálame de San Sadurniño.

Detrás da idea e da realización esán David Anca, Miguel Sanjurjo, Patricia Lamas, Iván PX e Ernesto. Defínense como “afeccionados” que pretendían “facer unha película de terror”. Ao final, “O Meigo mouro do repetidor” converteuse nun filme humorístico e retranqueiro e nun exemplo máis do afán de Con Suma Conciencia “por contar historias”, pero tamén por “facer o que nos apetece, do mesmo xeito que no grupo de música -Labanda de Cletus- cantamos o que queremos contar”.

De seguro que Con Suma Conciencia xa anda dándolle voltas á súa próxima curta. A ver con que nos sorprenden.

Share.