“Néboa”, a nova serie de TVE, tomará Naraío durante parte da semana que vén

0

Un misterioso asasinato nunha illa galega imaxinaria durante un entroido é o punto de arranque da intriga de “Néboa”, a nova serie producida por TVE que conta no seu elenco con nomes tan destacados coma o de Emma Suárez, Isabel Naveira, Antonio Durán “Morris” ou Nancho Novo. O equipo leva varios días rodando en escenarios naturais da comarca e, tras pasar por Ortigueira e Cariño, a trouppe artística e técnica recalará en Naraío durante os tres primeiros días da semana que entra. Alí filmaranse varias escenas interiores nunha vivenda do lugar de Pereiras, mentres que a loxística da rodaxe -maquillaxe, vestiario, cátering, etc.- se concentrará nas instalacións da AVV O Castelo de Narahío e da UDC Narahío, que colaboran na produción cedendo varios espazos.

Primeira noite de entroido na illa de Néboa. No Burato do Inferno, un lugar rodeado de lendas, aparece o cadáver dunha adolescente. Non é a primeira vez. En 1919 e en 1989 ocorreu o mesmo e, igual que daquela, á primeira morte seguírona outras cinco nos días posteriores.

Os crimes nunca chegaron a ser resoltos. Agora son dúas investigadoras da Garda Civil, Mónica (Emma Suárez) e Carmela (Isabel Naveira), quen encabezan as pesquisas, enfrontando a súa racionalidade profesional ás crenzas populares sobre un misterioso ser medio home medio lobo.

Esta é a sinopse argumental da miniserie “Néboa“, un dos grandes proxectos de ficción producidos por RTVE, en colaboración neste caso con Voz Audiovisual. Son 8 episodios guionizados por Xosé Morais, Victor Sierra e Alberto Guntín, man a man cos directores Gonzalo López-Gallego, Jorge Saavedra e Manu Gómez.

Trátase un produto para o horario de máxima audiencia de La 1 de TVE que, xunto ás dúas protagonistas, tamén conta con nomes tan coñecidos coma o o de Antonio Durán “Morris”, Nancho Novo, Alba Galocha, Denisse Peña, María Vázquez, Denís Gómez, Santi Prego, Eva Fernández… etc. Caras na súa maioría do noso audiovisual que nos resultan familiares por telas visto en “Fariña”, “Matalobos” ou “Serramoura”. De feito, a casa que se empregará como plató en Naraío dentro duns días xa serviu de escenario para un dos episodios desta última serie que se emite na TVG, tamén de Voz Audiovisual.

Porén, tal e como comentaba un dos encargados da produción, “Néboa” ten máis de cine que de serie, seguindo o camiño que están marcando plataformas como Netflix, Amazon Prime Video ou o grupo Atresmedia. Calidade narrativa, unha estética coidada ao milímetro e xente de renome entre os protagonistas, son algunhas das características deste novo estilo de facer series que arrastra canda si un grande equipo técnico e humano.

A produtora contactou a semana pasada coa Asociación Veciñal O Castelo e coa UDC Narahío para ver a posibilidade de empregar as súas instalacións como base operativa durante a rodaxe programada para o luns, martes e mércores da semana que entra. Nunha das xornadas está previsto ter que vestir, peitear e maquillar a arredor de 60 figurantes, ademais dos actores e actrices principais, polo que o equipo ocupará o antigo edificio veciñal, os vestiarios e unha parte do novo local da Veiga. Mesmo se contempla a posibilidade de montar varias carpas para o servizo de cátering e outras necesidades da rodaxe, que se efectuará en localizacións interiores a escasos 500 metros do campo de fútbol de Naraío.

Aínda que o groso do traballo se concentrará neses tres días e principalmente a partir do mediodía, desde Voz Audiovisual sinalan que non se descarta volver algunhas xornadas máis ao longo do mes de xuño. Desde a asociación veciñal O Castelo de Narahío informan que as actividades culturais que se desenvolven no local social -ximnasia de mantemento, memoria activa, gaita e pandeireta- non se verán afectadas pola rodaxe, posto que os momentos de maior movemento no recinto serán entre as 14 e as 16.00h.

Share.