Navia, primeira ocupante do Olimpo galaico da ribeira do Xuvia

0

A beira do Pozo dos Donceis acolleu onte á tardiña o acto de presentación pública da estatua adicada á deusa Navia. Obra do artista Carlos García, a figura representa unha deidade protectora das augas, da terra, avogosa da fertilidade e incluso barqueira do máis alá,  transformada polo cristianismo na nosa Santa Mariña, tal e como apunta como posibilidade o antropólogo Rafael Quintía. Este autor, ganador do Premio Ramón Piñeiro de ensaio coa obra “Mariña: de deusa a santa”, ofreceu unha entretida conferencia ao aire libre na que estivo precedido por Secundino García e polo profesor Manolo González, quen explicou a iniciativa municipal de converter o paseo fluvial de San Sadurniño nun Olimpo onde estean representadas as deusas e deuses máis importantes do panteón galaico. Nomes como Breogán, Berobreo, Bandua, Lugh e outros que se irán unindo ao de Navia co obxectivo de dar a coñecer a mitoloxía do país nun contorno xa de por si máxico que onte tamén estivo animado pola música ao vivo do clarinetista Santi Díaz e do percusionista Javier González.

Secundino García abriu o acto escusando a ausencia de Carlos García, a quen lle agradeceu a colaboración co Concello “para imaxinar esta deusa”, a primeira dun espazo que antano estaba ocupado por estatuas “só para a aristocracia” e que agora se quere converter “nun espazo público onde a xente poida disfrutar”.

Disfrutar dun “rincón máxico” e descubrir o conxunto de divinidades que había en Galicia antes da romanización e da cristianización. Eses serían os dous grandes obxectivos que persegue o Concello levando adiante un Olimpo galaico que se extenda polo paseo fluvial. A idea é irlle encargando a artistas da plástica interpretacións de cada unha desas deidades. Algo que se faría aos poucos cunha finalidade didáctica, non para recuperar cultos ancestrais.

O impulsor da idea foi o profesor Manolo González, quen reivindicou na presentación de Navia o coñecemento da mitoloxía propia coa mesma intensidade que se sabe da allea.  “Os deuses da mitoloxía clásica saen nas películas, nos cómics, no cine e tamén forman parte do ensino. A eses deuses témolos nos nomes dos días e dos meses. Tamén todos coñecemos  as historias dos santos, as fazañas de mártires… todos forman parte de culturas remotas -Roma, Grecia, Exipto, Palestina…- pero, ¿onde están os mitos dos nosos devanceiros? ¿onde están os heroes dos que vivían aí, no castro do Redo, no do Rupiallo, no castro da Agra. Eles tamén tiñan heroes, santos, deuses protectores”, reflexionou González.

Para o profesor “o que non se nomea non existe” e durante o acto laiouse de que hoxe “son poucas persoas as que coñecen que significa Navia, que significa Larouco, Lugh, ou que significa Breogán. Das súas historias míticas practicamente non chegou ningunha aos nosos días, algunha si, como a lenda do Pozo dos Donceis e a súa cidade asolagada, que é unha lenda moi, moi antiga. Sería bo recuperar ese imaxinario perdido. Por iso este proxecto de Olimpo Celta pretende acompañar ao arboreto e axudarnos a recuperar a memoria e a identidade perdida e deturpada neste tempo que estamos a vivir.”

A intervención de González foi seguida da pequena conferencia ao aire libre ofrecida por Rafael Quintía, na que explicou os mecanismos a través dos que o cristianismo se tería apropiado das deidades que ía atopando no seu avance por Europa. Foi unha charla ben entretida na que, ademais do tema principal, deixou datos descoñecidos para a maioría, como o de que en 1969 a Igrexa Católica retirase do calendario un santo con tanta advocación como San Cristovo, ademais de Santa Bárbara, San Valentín, San Xurxo e outros  que, máis recentemente, volveron en parte aos almanaques.

Quintía veu a San Sadurniño para presentar o seu libro “Mariña: de deusa a santa”. Un ensaio premiado co Ramón Piñeiro en 2016 que se centra nunha teoría moi concreta: “eu plantexo a posibilidade de que Santa mariña sexa a cristianización da deusa Navia, unha das deusas máis importantes do panteón galaico”. O autor chegou a esa conclusión “a través da comparación da haxiografía… da historia de Santa Mariña, dos seus atributos e do seu simbolismo comparados cos atributos e o simbolismo da deusa Navia, e tamén doutros procesos de cristianización que se deron noutros países europeos”.

Na súa investigación, Rafael Quintía bateu coa falla dun legado escrito que lle axudase a ratificar a súa teoría, apoiada polo tanto no estudo dos pequenos altares conservados, na toponimia e nas coincidencias entre Navia e Santa Mariña. “Temos aras votivas dedicadas a Navia onde aparecen epígrafes relativos a atributos da deusa ou as virtudes que podía ter. Hai unha relación destas aras con determinados contextos, por exemplo augas, fontes, cumios montañosos, castros que son patróns de localización do culto que corresponden tamén con patróns de implantación de Santa Mariña”. Unha teoría que se ratifica en San Sadurniño, cunha igrexa de Santa Mariña do Monte, situada no lugar de Moimentos -nome referido aos soterramentos tumulares precristiáns- e unha capela construída no lugar da Fraguela, en Naraío.

Segundo o antropólogo vigués, Navia é “unha grande deusa, unha deusa tutelar da comunidade, posiblemente cunhas características trifuncionais relacionados coa soberanía da terra, da fertilidade e cunha connotación vencellada ao máis alá e incluso bélica”. No seu paso a Santa Mariña deuse un proceso de asimilación no que hai información biográfica coincidente episodio por episodio coa vida de Santa Margarida de Antioquía e tamén coa de Santa Bríxida de Irlanda. “Houbo elementos tomados da haxiografía de Santa Margarida e outros que entroncan con esquemas mitolóxicos compartidos polo arco atlántico que son precristiáns”, asegura Rafael Quintía.

A santa mártir de Augas Santas
O caso é que, segundo a tradición cristiá -e segundo o “Breviario de D. Rodrigo”, datado entre os séculos XII e XIII- Mariña tería nacido en Balcagia (hoxe Baiona) sobre o ano 119, froito dun parto múltiple no que viñeron ao mundo nove nenas. Eran fillas de Lucio Catelio Severo, gobernador romano da Gallaecia e a Lusintania que botaba fóra da casa longas temporadas.

Ante semellante rolada de cativas e temendo que o home a acusase de adulterio, a nai das pequenas, Calsia,  mandoulle a unha das súas serventas que as afogase todas no río Miñor. A criada non atendeu e repartiu os bebés entre familias amigas cristiás coma ela. Andando o tempo as nenas convertéronse en mozas, en mozas que profesaban a relixión cristiá, algo que por aquel entón estaba prohibido e perseguido. Nunha destas, as nove foron apreixadas e levadas diante de Lucio Catelio que, ao saber que eran fillas del, ofreceulles unha vida de luxos se renunciaban á relixión na que foran criadas.

Todas as mozas rexeitaron a oferta e foron á cadea. Todas fuxiron dela e, disque, sufriron persecucións. As dúas máis famosas foron Liberata, a quen pillaron e crucificaron no que hoxe é Castelo Branco, en Portugal, mentres que a Mariña a martirizaron en Augas Santas, en Ourense, no ano 139.

“Sufriu as tres mortes: colgárona e non morreu, afogárona e non morreu, queimárona e non morreu… só morreu cando lle cortaron a cabeza -explica Quintía- e aínda así dixo tres veces “creo, creo, creo”, unha por cada golpe que deu a cabeza no chan, de onde manaron tres fontes”.

Coñecer máis o noso pasado
O investigador considera que a representación feita por García de Navia “está moi lograda” en atención ao que se sabe dela como deidade protectora de comunidades, asociada á auga, á fertilidade e ao tránsito ao Alén. Ademais, segundo o antropólogo, “que se saiba”, é a única estatua da deusa Navia que existe.

Quintía tamén valora como “excelente” o paso dado polo Concello para promover o coñecemento da mitoloxía galaica. “Hai grandes carencias formativas e de divulgación. Este tipo de contidos non están nos currículos escolares. Os nenos saben quen é o deus escandinavo Thor, pero non saben o que é un Nubeiro, un Tronante, unha Vella, unha Moura, ou deuses como Navia, Bandua, Berobreo ou calquera dos que coñecemos pola epigrafía”.

Rafael Quintía cualifica como “fundamentais” as iniciativas que, coma esta, contribúen “ao empoderamento cultural” e que, neste sentido, “non só axudan a coñecernos senón tamén a reforzar a nosa identidade e o noso orgullo de pobo antigo coa nosa historia e o noso pasado”.

Share.