Natalia Porca volve mirar ás súas orixes en “Here”

0

Natalia Porca estreouse no encontro audiovisual Chanfaina Lab o ano pasado coa curta “Materia prima”, na que botaba man da lembranza como ese fío co que se tece o concepto do paso do tempo. Facíao mirando a Igrexafeita, terra da que foron orixinarios os seus avós por parte de nai e terra na que volve pousar a súa ollada este ano coa peza “Here”. Outra vez Igrexafeita, outra vez o paso do tempo e outra vez a paisaxe dun lugar co que Porca teima en establecer algún tipo de contacto -sexa místico ou físico- máis aló da evocación do seu pasado familiar. Cinco minutos abóndanlle para establecer ese vínculo telúrico, exposto en catro actos -ir, camiñar, ver e estar- onde “as penas de aquí e acolá” sustentan lendas e historias aínda non varridas da memoria colectiva.

Tal e como explica o profesor Manolo González en Fálame de San Sadurniño, Natalia achegouse á Chanfainalab do 2016 “cun propósito definido” que ela mesma describe como a intención de transferirlle o protagonismo “ao territorio e aos que aínda viven no lugar orixinario da miña familia, concretamente os tíos da miña nai. Pretendía gravar unha peza máis universal e coa axuda imprescindible do meu tío, visitar lugares e coñecer historias que descoñecía, como o muíño derruído da Pena da Meda e tantos penedos singulares con nomes suxestivos que abundan por Igrexafeita,(Pena dos Bois, Tres pés, Cerdeira, dos lobos, Rei Mouro ou dos Freixós), cada pena ou penedo está relacionado con historias ou lendas que nos levan ao máis remoto da historia dos homes e mulleres da parroquia. Algunhas xa desapareceron e só fican na memoria de quen as coñeceu de cativos… Para min foi unha descuberta, unha aventura que comezou nos Miguelares e nos levou ata a indómita Serra do Forgoselo. Eu limiteime a acompañar ás persoas que me levaban, coidando que o proceso resultante puidera ser interesante para todo o mundo. ”

Así pois, “Here” é, segundo a ficha de Fálame de Sansadurniño, unha invitación a compartir unha aventura de coñecemento da man de Natalia. Unha viaxe que se presenta en tres bloques ou capítulos que nos conducen dende o /ir/ e /camiñar/ ata sentir que nos enxergamos na paisaxe no /estar/: “Tan só pretendo que o espectador sinta que fai a viaxe comigo, a través de lugares que están moi preto, -pero que a xente nova non coñecemos- para que se transforme nunha experiencia de coñecemento, como o foi para min”.

“Natalia segue na procura da súa propia mirada a partir de realidades inmediatas, que están case sempre fronte a nós, mais que non sentimos emocionalmente relevantes, porque só podemos amar o que coñecemos”, explica Manolo González, quen lanza o convite para acompañar á cineasta  “no percorrido pola patria da súa infancia para descubrir a beleza agochada do noso territorio”.

Aínda que nacida en Ferrol hai 22 anos, os avós maternos de Natalia viviron en Pena da Meda (Igrexafeita). Ao rematar o Bacharelato no IES Concepción Arenal de Ferrol ingresa na Facultade de Comunicación de Santiago, onde está a rematar o Grado de Comunicación audiovisual. Escritora vocacional, cineasta ocasional e curiosa pola vida, Natalia realizou algunhas curtas na facultade, entre elas “Meus ollos firen” (2014), 4º Premio no certame CinEOI 2015 e finalista en Olloboi 2015. Participa activamente na revista cultural Compostimes e mantén “Tintas y cuerdas”, un blog persoal de creación literaria e audiovisual.

Share.