Narart volve á galería do Concello cunha escolma da arte amadora da comarca

0

Son máis dunha vintena de cadros de artistas da comarca, todos e todas integrantes da asociación Narart que busca impulsar a creatividade en todos os ámbitos da plástica. Paisaxes, imaxes oníricas, mariñas, bodegóns… compoñen unha mostra representativa tanto da mirada dos pintores e pintoras que expoñen como do obxectivo último da entidade con sede en Narón. É a segunda vez que o colectivo pasa pola galería da Casa do Concello -a primeira foi en novembro de 2014- e a exposición pode visitarse polas mañás ata o 27 de xullo.

Narón Amigos da Arte (Narart) agrupa amantes da arte de toda a zona e non se cingue exclusivamente ao mundo da pintura, senón que está aberta o outros ámbitos como a música, a fotografía ou a historia. A través de naronamigosarte.blogspot.com pode seguirse puntualmente a súa actividade, ocupada principalmente polas exposicións pictóricas, pero tamén polas charlas que axuden a difundir a creación comarcal ou a intercambiar impresións entre artistas.

Ademais, a asociación organizou a primeiros de ano un certame literario e  é habitual que colabore en eventos solidarios e poxas benéficas promovidas por outras entidades.

En San Sadurniño podemos gozar ata o 27 deste mes de xullo dunha exposición pictórica dalgúns dos creadores e creadoras integrados en Narart. Nomes profesionais e amadores coma o de Isabel Viña, Alejos Lorenzo, Jesús Regueira, Esther Piñan, Pily Criado, Maria Julbe, Teresa Caaveiro, Carlos Barcón, Manuel Carballeira, Merce Urriza, Eva Silva, Juan Zaplana, María Jesús Millarengo e outros habituais nas mostras da asociación.

A exposición de San Sadurniño -a segunda grande colección trala do mes de abril na Autoridade Portuaria de Ferrol- está aberta con entrada libre de luns a sábado polas mañás. Quen visite a galería atopará técnicas e temas ben diferentes, aínda que entre eles predominan os óleos sobre táboa con paisaxes rurais e costeiras.

Share.