Narart inaugura este martes a terceira mostra colectiva coa que visita San Sadurniño

0

Narart é un colectivo de arte amadora fundado en Narón en 2011 que xa expuxo en San Sadurniño en dúas ocasións, unha en 2014 e outra o ano pasado. A pintura copa grande parte da súa actividade, aínda que tamén ten como obxectivo o fomento doutras artes, como a fotografía ou a escultura. Na súa volta ao noso concello, Narart traerá “Miña terra e o mar”, que poderá visitarse na Casa do Concello até o 12 de outubro. A inauguración será este martes ás 20.00h. coa presenza de varios dos autores. Esta non será a única cita coa arte da semana, xa que o sábado á tarde tamén poderemos gozar no mesmo espazo da Casa do Concello dun recital de poesía en feminino organizado pola área de Igualdade.

Narón Amigos da Arte (Narart) agrupa amantes da arte de toda a zona e non se cingue exclusivamente ao mundo da pintura, senón que está aberta o outros ámbitos como a música, a fotografía, a escultura ou a historia. A través de naronamigosarte.blogspot.com pode seguirse puntualmente a súa actividade, ocupada principalmente polas exposicións pictóricas, pero tamén polas charlas que axuden a difundir a creación comarcal ou a intercambiar impresións entre artistas.

En San Sadurniño podemos gozar ata o 12 de outubro dunha exposición pictórica dalgúns dos creadores e creadoras integrados en Narart. Nomes profesionais e amadores que nos descubrirán recunchos da comarca retratados con estilos e técnicas moi diversas e un marcado protagonismo para o mar.

Son cadros de Patricia Álvarez, Esther Piñán, Crisanto Poveda, J. Zaplana, Pili Criado, Alejos, Flor, Corín, Yago Isasi, Jesús Regueira, Manolo Carballeira, Hedi Ploegstra, María Julbe e esculturas de José Rubio Gascón. Case todos e todas estarán na inauguración desta tarde de martes na que, ademais, se servirán uns petiscos.

A exposición de San Sadurniño  estará aberta con entrada libre de luns a venres polas mañás, de 8.30 a 14.30h. Ao seu remate o espazo albergará unha colección de Crisanto Poveda en solitario.

Recital de poesía en feminino
Por outra banda, tamén cómpre lembrar que varias das persoas integrantes da Nova Poesía Guitirica achegaranse a San Sadurniño o sábado á tarde para participaren nun evento que ten como finalidade visibilizar a creatividade literaria feminina.

Á cita organizada pola área de Igualdade confirmaron a súa asistencia Xelo Teijido, Mar Beres, Pás Veres e Antón de Guizán, así como María Xosé Lamas e Martiño Maseda, Ana Vila Portomeñe e Silvia Pardo. Tamén estará Luz Campelo, quen acaba de publicar “Inventario do prohibido” no que se fai unha chamada á igualdade real entre mulleres e homes.

Todos e todas traerán os seus versos ao patio interior da Casa do Concello a partir das 18.30h., onde tamén poderemos escoitar as interpretacións de Noreia Hermida Pérez ao piano e a frauta traveseira. O acto pecharao a cantautora Sandra Tenreiro co seu último traballo, “InfuSons”.

Nova Poesía Guitirica é un grupo poético creado o 2 de outubro de 2014 cadrando co XXV cabodano do pasamento de Xosé María Díaz Castro para promover Guitiriz e parroquias como concello poético. Trátase dun colectivo que se autodefine “heteroxeneo en estilos pero homoxeneo en obxectivos e compromiso”.

Share.