Naraío quenta motores para o Festival do Río Castro no día en que o Rally de Narón volve a San Sadurniño

0

Este sábado preséntase cunha programación de eventos capitalizada por dúas opcións ben distintas. Dunha banda temos a 29ª edición do Rally Cidade de Narón, que volverá percorrer o clásico tramo de Ferreira pouco despois das 18.00h. e, doutra, a Asociación Veciñal O Castelo de Narahío presentará á mesma hora no seu local social a programación do Festival do Río Castro deste ano, que se celebrará o próximo 2 de xullo. A entidade repite o exitoso formato doutros anos: primeiro un campionato de deportes tradicionais, despois un concerto didáctico e, como peche da tarde-noite, unha degustación gratuíta de xamón escaldado seguida de repichoca. Desde a entidade sinalan que a edición número 23 do festival achegará ao lugar da Bóla “grupos de grande calidade que son referentes dentro da música galega actual”, aínda que tampouco desvelan moito máis. A incógnita despexarase mañá pola tarde. Igual que se saberá quen ergue o trofeo comarcal de fútbol feminino. A final enfrontará ao CF San Sadurniño e ao Racing de Ferrol a partir das 17.30h. no campo municipal de Currás.

O evento de presentación do festival volve competir contra o deporte do motor, anque desde a directiva do Castelo bromean coa coincidencia de horarios: “non é ningún problema, hai público e públicos para todo… nin nós lle imos sacar xente ao rally nin o rally nos vai sacar xente a nós”. En calquera caso, a asociación programou unha tarde ben entretida que comezará cun campionato que ten moito de preservación da tradición e moito de promoción da igualdade de xénero. E é que as persoas participantes deberán competir en tres disciplinas -a chave, a rá e o brilé- e, ademais, terán que facelo en equipos de 6 persoas que deberán estar compostos obrigatoriamente por tres mulleres e tres homes, ou tres rapaces e tres rapazas ou cunha mestura de xente de distintas idades que sempre debe respectar o equilibrio de xénero. Quen gane levará unha cesta con produtos locais e de comercio xusto.

A experiencia di que o campionato tarda en resolverse entre unha hora e media e dúas horas, polo que a parte educativa da presentación do festival arrancará sobre as 20.00h. A profesora de pandeireta Carmen Pedreira ofrecerá un obradoiro sobre a música tradicional no que explicará os distintos ritmos que compoñen o repertorio galego, pero tamén cal é o complexo proceso de recuperación de moitas cancións que ata non hai moito se transmitían por vía oral de xeración en xeración. Este obradoiro -titulado “Cantando e Contando”- irá abrindo o apetito de máis música e tamén o do outro.

Para esoutro apetito, o do bandullo, a asociación ten a desalar un grande xamón que se servirá ao remate da sesión en forma de liscos escaldados acompañados de pan do país e, quen queira, con pementón e aceite. Será unha achega enerxética a xeito de petiscos que, como é habitual, pasarán por cea e que servirán para repor forzas e enfrontar a segunda parte da noite, ocupada por unha repichoca popular chea de gaitas, pandeiretas e calquera outro instrumento que a xente queira levar.

Porén, cómpre ter en conta que a presentación do festival é iso, a presentación do cartaz da edición deste ano. De momento só sabemos que o deseño é un “Garabato” de Juanlu -do artista gráfico Juan Luis Fernández- e que, segundo asegura quen viu xa algunha proba, “quere recoller toda a esencia da festa ao pé do río”. O hermetismo da asociación é total en canto aos grupos que actuarán pola noite. O que si é público é que á tarde volverá haber xogos populares coa Asociación Galega do Xogo Tradicional e Popular e que, tal e como confirmou O Castelo “o orzamento total achegarase aos 18.000 euros”, para os que contan coa colaboración do Concello de San Sadurniño a través das subvencións para actividade cultural e da Cooperativa de Meirás de Consumidores e usuarios. A asociación tamén ten previsto acollerse á convocatoria publicada recentemente pola Deputación da Coruña para colaborar con festivais de música tradicional.

Rally de Narón
E, como diciamos ao principio, o sábado tamén é día de rally. A competición organizada pola Escudería Siroco de Narón pasará por San Sadurniño facendo o tramo de Ferreira en sentido As Somozas-Igrexafeita. Entrará no Concello por Amido, subirá polo Hedreiro e Caínce ata a Chabola e despois baixará até os Pontigos para emprender subida pola Fraga ata a Penalonga, onde finaliza un percorrido no que haberá dúas pasadas, unha a partir das 18.20h. e outra sobre as 21.05h.

O tráfico permanecerá cortado no trazado desde as 17.20h. e non se abrirá entre pasadas. Desde o Concello recoméndase precaución nos desprazamentos e que se atendan as recomendacións da organización en canto aos lugares máis seguros para seguir a proba. Da mesma maneira tamén se lle pide ao público asistente que non deixe lixo na zona.

A edición número 29 do Rally de Narón chega cunha nutrida representación local. O piloto de Santa Mariña Daniel Dopico tentará repetir o podio do ano pasado -foi 3º na xeral- ao volante dun BMW M3. O equipo formado por Adrián Gil e David Cereijo tamén buscará confirmar unha temporada fantástica na que marchan en cabeza da copa Pirelly AMF. A bordo dun Citroen Saxo fixeron recentemente unha décima posición no Rally Eurocidade de Tui.

Os dous últimos vehículos pilotados por xente de aquí son dous Peugeot XS. Un guiado por Damián Bellón e outro polos foleiros Sergio Rodríguez -piloto- e Uxío García como copiloto.

Máis cousas…
Noutra orde de cousas, na mañá deste sábado tamén comezará na Casa da Xuventude o curso de fructicultura organizado pola Asociación Galega da Froita Autóctona en colaboración co Concello. Nel participan 8 persoas, que se iniciarán da man do técnico Alberto Varela en cuestións como a morfoloxía da árbore froiteira e as técnicas de plantación, pero tamén nos traballos de mantemento, poda, e enxertado. O curso tamén tratará sobre as enfermidades máis habituais e o seu tratamento e, por último, tamén tocará os procesos de colleita e transformación de froitas e hortalizas.

E no local social da Seara, en Ferreira de Abaixo, volveremos ter a partir das 17.00h. unha nova sesión -a última antes das vacacións do verán- do programa Tempos para compartir. Desta vez fará as veces de docente Isabel Martínez, que lle ensinará ás persoas asistentes a envolver agasallos dun xeito vistoso e creativo.

Fútbol
Ademais de todo isto, cómpre lembrar tamén que o equipo feminino do C.F. San Sadurniño xogará na casa a Final da Copa Ferrol contra o Racing. O encontro comezará o sábado ás 17.30h. no campo municipal de Currás e as rapazas do Sansa aspiran a quedar co trofeo tras desfacerse a fin de semana pasada dun dos equipos fortes da competición, o CD As Pontes. Ademais, o club local despraza fóra as súas categorías de base -alevín e prebenxamín- para disputaren o Torneo Vila de Pontedeume e o Torneo de Neda, respectivamente.

E, agora si, para rematar este repaso á programación da fin de semana, lembramos outra vez que o domingo hai Ruta ciclista polo concello en colaboración co Club MTB Biela e Chaveta. Sairá sobre as 11.00h. de diante do CPI e as inscricións podemos facelas minutos antes da marcha. Trátase dun paseo en bici de baixa dificultade para o que só se require ter máis de 7 anos e levar casco. Todas as persoas inscritas levarán unha camiseta de agasallo e, ademais, participarán no sorteo de material deportivo relacionado co ciclismo.

Share.