Naraío, epicentro do tute a finais de mes

0

Podemos poñernos como queiramos e reivindicar o xadrez, o parchís, o trivial e cantos xogos de mesa se nos ocorran que, ata o momento, ningún deles conseguiu desbancar en predilección á baralla. E dentro dela podemos poñernos como queiramos reivindicando briscas, escobas, chinchóns, pochas e muses que, por máis que insistamos, nunca conseguirán derrocar ao tute, rei indiscutible do naipe en Galicia. En Galicia e, unha vez no ano, tamén en Naraío. Alí disputarase o sábado 26 a duodécima edición do maratón de tute que organiza a Unión Deportiva e Cultural Narahío con 3.000 puntos en premios e sitio para 80 parellas. Quen queira apuntarse deberá chamar ao 981 490 302 ou ao 699 228 227 antes do mediodía do venres 25. A inscrición custa 60 euros por parella coa cea incluída.

Algo ten o tute. Se escollemos para o titular a palabra “epicentro” non foi ao chou. Habería outros retrousos xornalísticos -como por exemplo “capital”-, pero nós eliximos á mantenta “epicentro” porque o tute garda certas semellanzas cun sismo. E é que, cando se xoga en parellas, en cada  man  acumúlanse tensións que ao rematar se desatan de golpe en forma de alegría no caso de quen gana e en forma de reproches mutuos -case sempre altos de tono- no caso da parella perdedora.

Eses reproches sempre, sempre, sempre se enuncian da mesma maneira e con maior vehemencia se a victoria rival foi froito da potra, das amasadas de trunfos ou de erros imperdoables da persoa que se ten en fronte como compañeira. Son algo así: “Pero ti non vías que o tres o levaba eu e que mo jo…on pola túa culpa?” , “Pero por que non arrastras… para que queres os trunfos, para ghardalos coma as vellas?”, “Vamos a ver… se no penúltimo tanto me saes de rei, eu aforro e facemos as dez últimas… e ghanábamos a partida, ¿oíches?”. Unha dialéctica estéril  que, tamén sempre, remata co consabido “Veña, home/muller veña, que non tes nin p..a idea de xoghar a isto, vai para o c…llo!!”.

Situacións destas viviranse a ducias na tarde do sábado 26 no local social da Veiga, en Naraío, nun dos maratóns de tute máis concorridos de toda a volta e tamén un dos que aínda se mantén despois de doce anos de celebración ininterrompida. Detrás do seu éxito só hai dous segredos: unha cea abundante e gorentosa e unha organización perfectamente sincronizada que lles garante a todas as parellas xogar, polo menos, 6 partidas en competición máis as que poidan disputar a base de pericia e/ou sorte coa baralla.

Porén, a estes aspectos hai que sumarlle a importancia dos premios. Hai catro para a clasificación xeral: 1.000 puntos para a parella campioa, 400 para a segunda clasificada, 300 para a terceira e 150 para a cuarta. Na primeira repesca hai outros catro premios: 300 puntos para os primeiros/as, 200 para a parella que quede en segundo posto, 150 para a terceira e 100 para a cuarta. Por último, resérvanse 200 puntos para a parella vencedora na segunda repesca e 100 para a segunda clasificada.

A quince días da celebración do maratón, a organización xa confirmou a inscrición de medio cento de parellas, polo que cómpre bulir para reservar praza. Quen queira participar terá que chamar ao 981 490 302 en horario de oficina ou ao 699 228 227 fóra del. As inscricións pecharanse o venres 25. Ese día ás 20 h. tamén se celebrará o sorteo para decidir os grupos da primeira eliminatoria. As partidas comezarán ao día seguinte ás 16 horas.

Información veciñal
A publicación desta noticia na web municipal e/ou no Novas é un servizo que lle ofrece o Concello a todas aquelas entidades do territorio que queiran publicitar as actividades da súa programación anual. Igual que fixo neste caso a UDC Naraío, abonda con enviar un correo a concellodesansadurnino@gmail.com incluíndo todos os datos do evento: o título, o día, a hora, de que se trata, como se vai desenvolver… e calquera outra información que permita preparar unha noticia que, ademais, tamén se lle enviará aos principais medios de comunicación da comarca. É importante remitir o cartel da actividade e, se é posible, unha fotografía para ilustrar a nova.

Share.