Naraío celebra o sábado o seu Samaín

0

A Asociación veciñal O Castelo de Narahío organiza desde hai máis dunha década un dos magostos máis concorridos da volta, debido en grande parte a que se xunta cun Samaín pensado para un público familiar e, máis que nada, para os nenos e nenas. Por calendario tocaríalle o pasado sábado ou ben na noite deste luns, pero a celebración hai uns días do xantar popular da comisión de festas de 2017 levou á directiva d’O Castelo a pospoñer unha semana o evento. Así, o magosto e Samaín de Naraío terá lugar no local social da Veiga este sábado, día 5 de novembro, a partir das 18.00h. con dous grandes atractivos: a actuación de Paco Nogueiras e unha procesión das ánimas cargadiña de sorpresas terroríficas.

A asociación xa ten mercadas as castañas, que levan desde comezos da semana no sollado para que estean ben secas. Disque é a maneira de que dean mellor a pel despois de asadas. Agardan que nesta ocasión se xunte máis xente do habitual e por iso prevén asar arredor de 40 quilos, que se servirán a iso das 21.00h. xunto con papas de millo e melón.

Pero antes diso haberá máis cousas. A partir das 18.00h. empezarán a chegar os nenos e nenas coas súas cabazas, melóns, colondros e calacús decorados de ducias de maneiras, anque sempre imitando caras de semblante estarrecedor. Todas elas estarán expostas e participarán nun concurso que premiará as tres mellores.

O dos premios será despois da música de Paco Nogueiras. Un auténtico frautista de Hamelin que engaiola centos de nenos e nenas alí por onde pasa. Traerá a Naraío o seu espectáculo Brinca Vai!, con pezas tan coñecidas e oportunas como “No Samaín” ou o “Rap do magosto”.

A actuación de Nogueiras comezará sobre as 18.30h. e, tan pronto como remate -e ese entreguen os premios do concurso de cabazas que el mesmo deberá xulgar- chegará o outro grande momento do serán: a procesión das ánimas. Desde hai varios anos os nenos e nenas percorren o rueiro de Correlo e o Eirexado con saída e chegada no local social da Veiga. É unha volta duns 600 metros que se fai ao son da música deixando os ribazos e muros que hai no camiño inzados de cabazas escintilantes.

Porén, este ano O Castelo de Narahío preparou algo máis sobre o que non quere dar máis datos. Só nos adiantan que a  procesión das ánimas terá varias sorpresas de medo relacionadas coa tradición galega en contraposición cos “jalogüins” (sic.) comerciais que semellan invadilo todo. De feito, a asociación veciñal convidou no seu facebook a que os papás e mamás reflexionasen sobre a necesidade de “preservar e transmitir” o patrimonio inmaterial autóctono: “temos na nosa raíz cultural escusas abondas para celebrar estes días, sen necesidade de importar nada do outro lado do Atlántico. Nin disfraces de cine, nin pallasos diabólicos, nin nenas do exorcista nin trucos nin tratos”, apunta a entidade.

Con todo, a procesión nocturna estará condicionada polo tempo. Se chove non sairá e pasarase directamente á degustación das castañas e as papas que, como sobremesa, propón unha velada de repichoca con gaitas, acordeóns, percusión e calquera outro instrumento que a xente queira levar.

Share.