Narahío e San Sadurniño disputan o domingo o XXIV trofeo municipal de fútbol

0

Os dous clubes locais que xogan na segunda autonómica de fútbol, o Narahío e o San Sadurniño, enfrontaranse este domingo a partir das 18.30h. no campo da Veiga para tentar facerse co XXIV Trofeo Concello de San Sadurniño. Unha competición que este ano recupera o formato de un único encontro tras varias edicións como triangular. Na práctica será un derbi de axuste de plantillas previo ao comezo da liga, previsto para o mes de setembro. Ademais, Naraío celebra esta fin de semana as festas na honra do San Roque. 

O patrón na parroquia será o sábado e mailo domingo. O primeiro día arrancará ás 8.00h. coas alboradas e o pasacorredoiras do alumnado das escolas municipais de gaita e pandeireta, que culmirarán a mañá no contorno da igrexa de Santa María marcándolle o paso pouco despois das 13.30h. á procesión.

Do adro da igrexa a actividade saltará ao lugar da Veiga -14.00h.- para gozar dunha sesión vermú animada pola orquestra Alcázar que, xa pola noite -a partir das 22.30h.-, se batirá en termos musicais coa orquestra Fusión.

O domingo, segundo día de festra e véspera de luns festivo, a misa celebrarase ás 13.00h. e tanto a sesión vermú como a verbena serán cousa da orquestra Panamá. Entremedias, ás 18.30h., será cando se dispute o trofeo de fútbol municipal. Unha competición que historicamente se celebra en Naraío a mediados de agosto, haxa ou non haxa festa.

Nos últimos anos o trofeo desenvolveuse como un triangular. En 2015 a copa marchou para Neda, no 2014 levouna o Sansa e hai tres anos quedoulle na casa ao Narahío. Nesta edición o trofeo recupera o formato de único partido, e faino propoñendo un derbi de pretemporada entre CF San Sadurniño e UDC Narahío.

Os dous equipos xogarán na 2ª Autonómica na liga 2016-17 e xa levan varios días afinando as súas escuadras que en ambos casos contan con varias incorporacións. O partido deste domingo será unha boa ocasión para ver as novas configuracións e, por suposto, un choque que sempre depara a máxima emoción por causa da histórica -e sá-  rivalidade que existe entre as dúas formacións.

 

Share.