“Narahío”, de Ángel Rueda, imaxina a paisaxe e a historia de todo San Sadurniño

0

Proseguen as estreas en youtube do último encontro audiovisual Chanfaina Lab. O venres pasado subiuse a peza “Narahío”, do cineasta e estudoso Ángel Rueda, na que se percorre todo o territorio de San Sadurniño para xuntar nun mosaico a paisaxe actual e tamén un pasado humano relativamente recente. O día da presentación das curtas na Casa da Cultura, esta obra mostrouse como unha performance visual que mesturou  a imaxe dixital con tomas feitas en cine proxectadas na mesma pantalla  polo director e responsable do Festival S8. O contraste dos tempos pasados cos actuais gravados, á súa vez, con maquinaria do pasado, conformaron daquela e conforman hoxe un díptico de formato novidoso que Rueda acompaña de testemuños extraídos da web Fálame de San Sadurniño. Malia que o título menciona unha das parroquias do concello, o protagonismo é de todas elas, posto que as escenas estáticas reflectidas nas fotografías pertencen a distintas épocas e lugares do territorio. Velaí un extracto do resume que fai da curta o profesor Manolo González:

Ángel Rueda (León, 1971) é investigador, programador e cineasta. Pola súa traxectoria poderíamos afirmar que ten celuloide no sangue. No 2003 funda o colectivo Lili Films, unha especie de filmoteca adicada á procura, recuperación e análise de arquivos cinematográficos. Durante este tempo desenvolve máis dunha vintena de obras con metraxe encontrada (found footage), nas que explora a re-montaxe ou o cine perfomativo, como “Bendita calle” (2005), rodada integramente en Super 8 e cámara en man seguindo o ideario de Vertov; “El cielo del Super 8” (2007) onde comparte a experiencia de rescate de películas familiares ou “50 años en el Andamio” (2008), longametraxe que recupera unha peza sobranceira do cine amateur en Galicia, “El andamio” (Rogelio Amigo,1958).

Como programador e comisario ten desenvolvido proxectos para MUSACLa Casa EncendidaCGAIFilmoteca de CantabriaGaiásMACFundación Luis Seoane entre outros. Ademais, foi xurado internacional en numerosos festivais internacionais de cine, Ficx (Gijón), Márgenes (Madrid), Curtas PT (Vila Do Conde), Curta 8 (Brasil), Fcdep(París), Fronteira (Brasil), Lima Independiente (Perú) ou Mar del Plata (Argentina).  Ademais, tamén é o fundador e director do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, un concepto de festival xa de referencia internacional no ámbito da vangarda, o cine experimental, o cine performativo e os formatos analóxicos

Ángel Rueda xa participara no 2º Chanfaina Lab como colaborador da cineasta Ana Domínguez  na produción de “Brío”. Xogaba pois con certa vantaxe porque xa tiña algunha idea das características paisaxísticas e humanas do noso territorio. Por outra banda, a traxectoria como cineasta experimental e a súa paixón polos materiais de arquivo levárono case inevitablemente cara ao fondo de armario de “Fálame de San Sadurniño”: “a invitación para realizar unha peza dentro do 4º encontro de cineastas ‘Chanfaina Lab’ pareceume unha magnífica oportunidade para poñer en valor ese magnífico traballo de investigación, documentación e memoria que se está realizando desde o Concello de San Sadurniño co proxecto ‘Fálame de San Sadurniño’, dirixido por Carmen Suárez e que hoxe en día é un referente, recoñecido internacionalmente con diferentes galardóns.”

“Narahío” proxectouse como unha performance visual combinando imaxes dixitais con tomas feitas en soporte cinematográfico e proxectadas na mesma pantalla. Imaxes actuais con imaxes e sons analóxicos do arquivo de “Fálame” que establecían relacións dialécticas entre o presente e o pasado, as texturas fotoquímicas e dixitais, a xeito de  fresco estimulante, experimental e moi traballado que procura reflectir a esencia do que fomos e somos no devir do tempo. Malia que o título alude a unha das parroquias do Concello, o protagonismo é de todas elas, posto que fotografías e e filmacións pertencen a distintas épocas e lugares do territorio. Así o explica o seu director: “propúxenme mergullarme no arquivo, sobre todo nas fotos faladas e así sobrevoar a memoria recuperada, para crear un collage onde os testemuños e as fotografías fosen protagonistas dun espazo imaxinado, Narahío, que toma o nome dunha das parroquias de San Sadurniño pero que se expande pola paisaxe e vai máis aló dos seus límites xeográficos e territoriais cara unha memoria que transita do particular ao colectivo. Con estes elementos quixen construír un relato onde o arquivo se converte en personaxe vivo que aínda resoa nos espazos habitados para ir máis aló do recordo ou a memoria e xerar un novo diálogo entre a imaxe e o rexistro falado, entre o visto e o oído”.

Share.