Nais e pais rexistran na Xunta máis de 2.500 sinaturas reclamando a restitución do servizo de Pediatría

0

A Plataforma de nais e pais que se empezou a mobilizar trala suspensión da atención pediátrica especializada no Centro de Saúde de San Sadurniño presentou este mediodía na delegación da Xunta un total de 2.543 sinaturas coas que lle reclaman ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que se restableza o servizo “nas mesmas condicións” que se viña prestando ata xaneiro. Como se recordará, a principios de ano, As Somozas, Cerdido, Moeche e San Sadurniño contaban cunha pediatra que atendía no centro médico local, ademais de desprazarse en días alternos aos outros tres concellos para pasar consulta. Un xeito de funcionar que quedou suspendido trala marcha da médica a un destino definitivo. Desde aquela o SERGAS está suplindo o posto tamén en días alternos con distintos facultativos, nuns casos coa especialidade e noutros sen ela. “Xa van tres meses”, denuncia a plataforma ao tempo que amosa a súa “disconformidade e preocupación” pola situación e polo descoñecemento sobre “os procedementos cos que o SERGAS e a Xunta de Galicia están intentando solucionala”.

As 2.467 firmas recollidas desde o 14 de marzo rexistráronse pouco despois das 13.00h. na delegación de Ferrol da Xunta de Galicia, dirixidas tanto ao máximo responsable autonómico, Jesús Vázquez Almuíña, como ao coordinador da área de xestión do CHUF, Ángel Facio.

A folla coa relación de asinantes acompañouse cun manifesto onde as familias denuncian que a marcha da pediatra a mediados de xaneiro supuxo “a perda da itinerancia polos diferente concellos e tamén a calidade asistencial de seguimento por un mesmo profesional que merecen os nosos nenos”.

O texto ten como obxectivo  “amosar a nosa disconformidade e preocupación polo paso dos meses e a non resolución do problema”. A plataforma sitúa precisamente no paso do tempo unha das principais razóns para emprender esta acción. “Ver a situación como algo normal é preocupante porque condena ao rural a un déficit de servizos: os concellos de Moeche, Cerdido e Somozas carecen de servizo in situ (…) e o seguimento dos nosos nenos non é tampouco como era”, habida conta de que agora a atención médica infantil se centralizou en San Sadurniño e que esta a exercen facultativos doutros servizos “¿como se ve a evolución motriz ou dun proceso se hoxe é un médico e ou próximo día outro?”, inquire o manifesto.

Por este motivo, as familias promotoras da recollida de sinaturas e as algo máis de 2.500 persoas que suscribiron a petición “apoian e reclaman o restablecemento do servizo de Pediatría nas condicións en que se viña prestando ata hai pouco, como dereito básico das nenas e nenos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e As Somozas”.

Durante a presentación das sinaturas, a representación da plataforma estivo acompañada polos alcaldes de San Sadurniño e Cerdido e pola alcaldesa de Moeche, os tres municipios que aprobaron en pleno esixir “o inmediato restablecemento” do servizo tal e como viña funcionando ata mediados de xaneiro, así como o apoio ás reivindicacións emprendidas polas familias.

 

Share.