Nada, que non damos aprendido…

0

Cada certo tempo estamos insistindo desde esta páxina, desde o boletín Novas e desde as redes sociais do Concello en algo ben doado de entender e de poñer en práctica: os residuos voluminosos non se poden tirar en calquera lado nin tampouco deixalos ao pé dos colectores do lixo “para que o leve o camión”. Pero por máis que se repita, por máis que teimemos en explicar que hai solucións alternativas moito máis cómodas -e incluso gratuitas- parece que non damos aprendido, e seguen aparecendo cerelladas coma a da foto que ilustra esta noticia, captada esta mesma mañá ao pé da capela da Portela, en San Sadurniño. A imaxe exemplifica á perfección todo o que non se debe facer e que, ademais, é unha conduta sancionable.

Analicemos a foto con detemento. No lado esquerdo vemos un caixón eferruxado que noutro tempo debeu ser un frigorífico ou algo polo estilo. Derriba del aparece pousado un televisor vello e se seguimos avanzando cara á dereita atopamos un recipiente cadrado -quizais parte doutro electrodoméstico-, cachos de plástico e chatarra e, xa ao pé dos colectores, un bidón cun bloque de formigón, dúas rodas vellas e varios sacos amontoados que deben estar cheos de entullos dalgunha pequena obra. E a saber o que hai dentro dos colectores…

Todo precioso, unha fachenda, un monumento á concienciación ambiental e o civismo que complementa perfectamente a arquitectura da capela situada a uns metros e que ofrece unha fermosísima estampa para quen pase pola estrada (modo retranca on).

Ante este tipo de imaxes que se veñen repetindo con demasiada frecuencia en todo o territorio -vímolo hai tan só uns días tamén en Naraío, ao pé da Cooperativa- desde o Concello vólvese facer un chamamento para que se use correctamente o servizo de recollida do lixo, é dicir, separar o lixo e botalo nos colectores correspondentes, solicitar no 981 490 027 a retirada de voluminosos e, de ser o caso, levar outro tipo de restos ao Punto Limpo de Narón, co que San Sadurniño ten convenio de colaboración desde hai anos.

Volvamos mirar a imaxe. O televisor e o vello refrixerador son residuos que os establecementos de venda de electrodomésticos nos recollen no momento de comprar aparellos novos. Ou, se non, podemos levalos ao Punto Limpo ou, mellor aínda -e máis cómodo-, chamar ao Concello para que nos indiquen que día nos pasarán pola casa para levalos. Así de doado, sen falta de romper o lombo nin de tiralos ás agachadas. E, ademais, gratis.

Seguimos analizando a foto. Os escombros de pequenas obras tampouco se poden deixar en boqueiras de camiños, silveiras ou, coma neste caso, pousalos en sacos ben arrimadiños aos contedores do lixo. Recordade que cando se fai unha obra na casa tamén se adquire a obriga de que os residuos xerados sexan tratados de forma adecuada nun centro autorizado para a súa reciclaxe. Neste caso incluso poderían levarse tamén ao Punto Limpo de Narón.

Por último, as rodas. Nos talleres onde cambian pneumáticos xa nos vai incluido no prezo un pequeno importe para reciclar os que deixamos, polo que non ten sentido acumular na casa rodas vellas.

En resume, empezamos 2020 e estaría ben que entre os propósitos para o novo ano anotásemos o de ter máis respecto polo ambiente e o de facilitar o traballo do servizo de recollida do lixo, que un día si e outro tamén está batendo con casos coma o de hoxe. Facer as cousas ben custa o mesmo que facelas mal, pero actuando con responsabilidade estaremos evitándolle danos á natureza e aforraremos un gasto público innecesario.

Share.