Na terra dos mil camiños

0

Adoita dicirse que Galicia é a terra dos mil ríos. Nós, aquí en San Sadurniño, podemos dicir que somos a terra dos mil camiños. E non é un falar, senón que está contrastado por un estudo desenvolvido durante o ano pasado co cometido de facer un inventario completo da rede viaria do municipio. O resultado son tres tomos con mapas e referenzas xeográficas nos que figuran 1.005 estradas e pistas. Foron seis meses de traballo analizando cartografía, revisando datos catastrais e mesmo percorrendo un por un todos os camiños do territorio para obter unha relación o máis exhaustiva posible que incorpora datos valiosos sobre o estado actual de conservación e incluso sobre seu valor paisaxístico. Agora toda esa información -que é traballo adiantado- unirase ao proxecto que vai desenvolver a Deputación nos próximos meses para facer o inventario de todos os bens municipais.

O anterior catálogo da rede viaria de San Sadurniño databa do ano 1997 e nel figuraban un total de 571 estradas e camiños. O ano pasado o Concello contratou os servizos da consultora ambiental Areamapa para facer unha actualización da información para ter datos máis precisos sobre a identificación toponímica, o seu estado de conservación e a súa titulariedade, posto que o estudo recolle datos -provisionais polo momento- sobre pistas públicas e privadas.

Un dos  máis sorprendentes é o número de vías identificadas -1.005-, “case o dobre que as que reflectía o inventario de hai dúas décadas”, destaca o titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela. “É unha información moi valiosa porque nos permite ter documentación moi detallada de toda a nosa rede viaria, como son as delimitacións xeográficas, os materiais empregados na súa construción, se presentan danos ou incluso se están en zonas con certo atractivo para o sendeirismo ou o turismo”. De feito, a principal diferenza entre o inventario de 1997 e o estudo recente é que neste caso “pateouse  todo o territorio para contrastar a realidade coa cartografía dispoñible”, explica Varela. O concelleiro engade que, ademais, “en vinte anos a tecnoloxía da información e da xeorreferenciación avanzou moito, co que é posible dispor de datos máis exactos”.

Por outra banda, o edil de Obras, Manolo Beceiro, apunta a que a documentación xerada “tamén nos axudará a programar con máis precisión as reparacións ou o calendario anual de limpeza. Aínda que sabiamos que tiñamos unha rede de pistas moi ampla, tela agora en papel e en formato dixital facilitará moito a planificación do mantemento e da súa mellora”.

Inventario de bens municipais
San Sadurniño é un dos 13 concellos que se beneficiará do plan provincial de inventariado municipal. Trátase dun programa que vai xa pola súa quinta fase de desenvolvemento mediante o que a Deputación se encargará de recoller información sobre os bens mobles e inmobles, os edificios de carácter histórico ou artístico, vehículos, créditos e dereitos, servizos de alumedado, abastecementos de auga,  redes de saneamento, equipamentos e calquera infraestrutura que sexa de titulariedade municipal.

A parte referida aos camiños xa está feita en San Sadurniño desde o ano pasado e agora esa información enviaráselle á empresa contratada polo ente provincial para que a incorpore ao seu estudo. O documento final -o do patrimonio municipal e o das vías- resultará nunha única proposta de inventario que deberá ser levada a pleno e pasar por un periodo de exposición pública por se houbese algún tipo de reclamación.

Share.