Na procura dun novo modelo enerxético

0

As talladas que lle meteu ao noso peto a factura da luz nos últimos meses fixéronnos reflexionar sobre se haberá ou non haberá maneiras de aforrar algún carto. E si, hainas. Unha das máis rápidas e efectivas é apagando e desenchufando todo o que haxa na casa. E aínda así teriamos que seguir pagando potencias contratadas, peaxes e un sinfín de cargos que sempre se repercuten nos fogares. E é que o mercado eléctrico -a produción e comercialización- é algo difícil de entender, por non dicir directamente algo “opaco”, que semella inmutable, unha condea por sempre xamáis. Porén, algo esta movéndose para cambiar as cousas. Empezan a xurdir cooperativas comercializadoras de enerxía cunha finalidade social e tamén hai moita xente que investiga e proba métodos de autosuficiencia enerxética en base a renovables. De todo iso falouse este sábado na xornada de debate organizada polo Concello na Casa da Cultura, como maneira de iniciar precisamente iso, o debate sobre como darlle a volta un modelo feito á medida das grandes compañías.

Na sesión -celebrada entre as 11.15 e as 13.45h.- participaron representantes da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), da cooperativa Nosa Enerxía SCG e da asociación Os Picos do Sol, ademais dunha vintena de persoas no público que ao final da mañá entablarían un animado debate sobre como conseguir un novo escenario para a produción e a comercialización no que teñan cabida as iniciativas sociais e non só os grandes grupos empresariais.

A FAEPAC explicou o funcionamento do sistema produtivo eléctrico estatal e tamén como se artella a comercialización xunto coa fixación de prezos, así como os beneficios existentes para persoas e familias con escasos recursos. Bonificacións que, porén, están vencelladas a subministracións dentro da tarifa de prezo voluntario ao pequeno consumo (PVPC) que, ademais, só se poden contratar coas comercializadoras de referenza -todas as grandes- sen opción a acudir ao mercado libre.
O mercado libre, dito así, soa a unha grande posibilidade de rebaixa na factura da luz. Pero, ollo, tal e como aseguran desde a FAEPAC, ultimamente estanse producindo campañas de captación de clientela moi agresivas e case ilegais que adoitan meter na letra pequena dos contratos eléctricos outros produtos innecesarios -case sempre seguros- que poden supoñernos entre 3 e 20 euros ao mes. A este respecto, a fundación provincial asesora tanto a institucións como a particulares sobre as ofertas das eléctricas para axudarlles a atopar a mellor opción de acordo coas súas necesidades.
Pola súa banda, Nosa Enerxía SCG  -á que recentemente se sumou o Concello de San Sadurniño-, falou sobre os seus obxectivos, centrados en “traspasar a cúpula do oligopolio eléctrico” a través da “democratización” do sector e a “soberanía enerxética”.
A cooperativa naceu en 2012 como unha idea que saltou nas redes sociais e á que pouco a pouco se lle foi dando forma. Inicialmente está orientada á comercialización pero ten as miras postas na produción a medio e longo prazo, a semellanza dos modelos de base social que xa funcionan noutras partes de Europa desde hai anos. A cooperativa traballa comercializando cupos de enerxía renovable e aspira a incrementar a súa presenza nos fogares, así como a súa penetración no territorio cunha proposta de sustentabilidade ambiental e de responsabilidade social.
De feito, calquera persoa pode ser socia de Nosa Enerxía. A entrada custa 100 euros que se poden recuperar se se decide marchar dela. A partir de aí pode accederse ao servizo de comercialización enerxética que, aínda non sendo o máis barato, si ten valores engadidos como é o de estar contribuíndo ao cambio no funcionamento do mercado eléctrico e o feito de que cada persoa socia é dona da comercializadora -e no futuro tamén produtora- á que lle merca a electricidade.
A quenda de intervencións pechárona a asociación Os Picos do Sol expoñendo o caso práctico dunha vivenda equipada con paneis solares fotovoltaicos e para auga quente sanitaria que conseguiu reducir a dependencia enerxética externa en case un 50% e cun investimento que seguramente consiga amortizar en menos de dez anos. Unha posibilidade que está aí, que cada vez é máis barata -estímase que o custe en infraestrutura por cada W é de 1 euro, cando hai só uns anos chegaba aos 10- pero que, pola contra, non conta coas vantaxes que si existen no resto de Europa. Por exemplo, quen monte paneis solares deberá ter rexistrada a instalación e no caso de que decida verter á rede o excedente non terá ningunha contraprestación, algo que na práctica totalidade de países europeos si está regulado e pagado.
É máis, se inxecta parte da súa produción no tendido mesmo terá que pagar a correspondente peaxe… e iso que a electricidade producida por esa vivenda irá parar a outras persoas usuarias ás que alguén lles cobrará a luz puntualmente.
Na charla quedou posto de manifesto que “o autoconsumo é posible”, a pesar dos atrancos legais que non lle afectan unicamente á produción fotovoltaica. No debate final do evento, Secundino García preguntou se sería posible reconverter “muíños de auga que están caendo” en pequenas centrais hidroeléctricas que abastezan un lugar. Un estremo que os poñentes da mesa viron viable tecnicamente pero non legalmente, habida conta de que Augas de Galicia non autoriza ese tipo de aproveitamentos. “Gástanse cartos dos fondos FEDER en poñer bonitos os muíños e non en poñelos a producir”, comentaron na charla.

 

 

Share.