Música, poesía, teatro, deporte e cociña para as datas centrais do Nadal

0

Dentro da programación do Nadal preparada polo Concello para os próximos días inclúense dúas actividades que requiren inscrición previa. Unha delas é o xa tradicional “Nadal deportivo”, que xunta unha proposta de conciliación para as familias e a oportunidade para as nenas e nenos de se iniciar en varios xogos. Desenvolverase os días 26, 27, 28 e 29 de decembro entre as 10 e as 14.00h. e as inscricións poden facerse na Casa da Cultura ata este  venres ao mediodía. Outra é unha edición especial do programa “Tempos para compartir” onde a cativería aprenderá en Lamas o xoves 4 de xaneiro -16.30h.- como preparar gominolas e outras lambetadas. Nese caso ofértanse 15 prazas  e para apuntarse será necesario chamar ao 981 490 027 ext. 1. Porén, antes destas citas, o Concello tamén ten organizada unha Festa infantil de Nadal para a tarde do sábado no ximnasio do CPI -17.00h.-, a obra de teatro de monicreques “O lobo e a lúa” -19.00h.- e a presentación do libro de poesía “Anatomía da lingua”, escrito por Antón Cortizas con ilustracións de Leandro Lamas. Os dous estarán presentes no acto, que terá lugar a partir das 20.00h. no recibidor da Casa da Cultura. 

Con todo, antes do sábado temos outra cita ineludible: o Nadal en Naraío. A Asociación Veciñal O Castelo -en colaboración con Vai Ranhala Meu! e o Concello- organiza para o venres a partir das 18.00h. o seu obradoiro de cantos do Nadal aberto a calquera persoa que queira aprender algunhas das panxoliñas máis fermosas do cancioneiro tradicional galego.

“Vinde ver o neno”, “Con un sombreiro de palla”, “Nadal en Luintra”, “Potentes Reices de Xanceda”… e outras pezas interpretadas de sempre por estas datas, comporán un repertorio musical que se preparará durante a tarde para cantalas despois da visita do Apalpador e de tomar un chocolate ben quentiño con bica.

Para participar na actividade non fai falla inscrición previa. Abonda con estar no local social á hora de comezo levando a pandeireta, a gaita, unha botella do anís ou calquera outro instrumento, aínda que tampouco é obrigado. Xa confirmaron asistencia as nenas e nenos da escola de música tradicional, algúns dos gaiteiros que asisten ás clases ofrecidas polo Concello e tamén o alumnado de acordeón de Roberto Grandal, encargado de dirixir a montaxe e ensaio dos temas. Ademais, O Castelo tamén mandou recado ás corais de Lamas e San Sadurniño para que se sumen a esta festa totalmente gratuíta que rematará ben entrada a noite cunha repichoca popular.

O sábado, véspera da Noiteboa, a tarde preséntase intensa con tres propostas dirixidas a xente miúda e xente grande. Así, entre as 17.00h. e as 18.45h. o ximnasio do CPI acollerá  a Festa infantil de Nadal, na que a rapazada gozará de música e xogos, pero tamén dun obradoiro de confección de adornos do Nadal con materiais reciclados. Pouco antes do remate pasará por alí o Apalpador, seguramente no seu camiño de volta cara aos montes do Courel despois de ter pernoctado en Naraío. Na festa poderán participar nenas e nenos de entre 3 e 11 anos. Non é necesario solicitar praza, pero si entregar no momento -ou por adiantado- unha ficha de inscrición a xeito de autorización.

A cativería sairá do recinto do colexio co tempo xusto para chegar á Casa da Cultura, onde está previsto que ás 19.00h. dea comezo a representación teatral  “O lobo e a lúa” da compañía Baobab Teatro. Trátase dunha obra que xunta no escenario personaxes de carne e óso con monicreques para contar a historia dun pequeno lobo empeñado en falar coa lúa. O espectáculo está orientado a un público familiar con nenos e nenas de máis de 3 anos. Para elas e eles as entradas serán gratuítas, mentres que as persoas adultas deberán aboar 4€. As reservas anticipadas poden facerse no 616 332 919 ou no mail agustin.perez@sansadurnino.gal.

Xusto despois do remate da obra “O lobo e a lúa”, o recibidor da Casa da Cultura acollerá a presentación do poemario de Antón Cortizas “Anatomía da lingua. (Lingua de amar, lingua de amor), ilustrado por Leandro Lamas. O libro é unha reivindicación da lingua en contraposición coas tendencias minorizantes que se dan en parte do ensino, dos medios de comunicación e noutros escenarios da sociedade. Son poemas que, segundo o autor, mostran preocupación pola situación do galego, pero tamén “esperanza” de que poida renacer. Porque, como dí Cortizas, “nada hai tan fermoso como amarse a si mesmo con dignidade para poder amar o mundo con xustiza”. Na presentación da obra o escritor estará acompañado de Leandro Lamas, quen pintará unha lámina que se sorteará ao final do acto entre o público asistente.

Nadal deportivo e Tempos para compartir
E, agora si, retomamos as dúas actividades coas que abrimos esta información: o “Nadal deportivo” e a edición especial do “Tempos para compartir”. A primeira  desenvolverase nas mañás da semana central das vacacións do Nadal -de martes 26 a venres 29- ofertando voleibol, hip-hop, fútbol sala, baile tradicional, xogos tradicionais, bicicleta, ximnasia rítmica e danza. Cada día haberá dúas actividades, unha de 10.00 a 12.00h. e outra de 12.00 a 14.00h., e cada participante deberá anotarse polo menos en catro xogos. Para iso fará falla entregar a correspondente ficha de inscrición na Casa da Cultura ou a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. O prazo remata o venres ao mediodía. Na iniciativa, pensada para idades entre os 4 e os 12 anos, colaboran o Club Voleibol Aldebarán, o Club de Fútbol San Sadurniño, o Club Brío e o Club MTB Biela e chaveta.

Aproveitando que a rapazada está de vacacións ata despois de Reis, o Concello programou un “Tempos para compartir” no que as cativas e os cativos aprenderán a preparar lambetadas ben ricas. O docente do obradoiro será Francisco Bermúdez, un veciño de Santa Mariña apaixoado da cociña e da repostaría que lles ensinará a facer crema de cacao, biscoitos e gominolas. Este “Tempos…” terá lugar no local social de Lamas o xoves 4 de xaneiro a partir das 16.30h. e vai dirixido exclusivamente a idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos. As inscricións poden facerse a través do 981 490 027 ext.1. Hai 15 prazas dispoñibles e, se houbese máis solicitudes, o Concello estudaría a posibilidade de facer dúas quendas.

 

Share.