Música, contos e cine na celebración do Día da Muller

0

A Casa da Cultura acolleu este venres á tarde o acto central para conmemorar o Día Internacional da Muller. Xa hai algún tempo que o Concello saca do propio día 8 este evento para reivindicar en certa maneira que todos os días do ano son “días da muller”. Máis dun cento de persoas participaron nun encontro dedicado especialmente ás mulleres de máis idade. Nel houbo música, baile, a reestrea da curta do Chanfaina Lab “O tempo da mazá” e un conto narrado por Brais das Hortas que puxo de manifesto que non hai límites nin de sexo nin de idade para facer o que se queira.

O acto abriuno a titular de Igualdade, Ana B. Breijo, como homenaxe “a todas as mulleres, e máis se aínda cabe, ás nosas ancestras que foron as que máis tiveron que loitar para estar onde estamos. Ás que nos ensinaron o camiño ás máis novas e que cada dia nos demostran que nunca e tarde para poder aprender e facer cousas , que o tempo de aprender nunca se acaba”.

A concelleira quixo recordar, ademais, a “todas esas mulleres refuxiadas, que levan 5 anos nun país en guerra e agora que queren fuxir del non son ben recibidas en Europa”. Mulleres que, para Breijo, “son iguais que calquera de nosoutras, ou aínda mais, xa que son unhas loitadoras, unhas loitadoras da vida, da súa e da dos seus, xa que teñen que fuxir para poder vivir e na maioría dos casos para que os seus fillos poidan vivir e non morrer nunha guerra orquestada por uns cantos países preocupados unicamente polos seus intereses económicos”.

Trala intervención da concelleira proxectouse a curtametraxe do realizador Miguel Mariño “O tempo da mazá”, enmarcada na iniciativa audiovisual Chanfaina Lab. Mariño escusouse por non poder asistir ao acto e, no seu lugar, enviou unhas breves palabras ás que lle deu lectura unha das seis protagonistas do filme, a poeta nacida na Rubiña Teresa Pouso. A curtametraxe evoca sabores, tradición e o papel da muller na preservación dos saberes do pasado. Mariño empregou o formato cinematográfico en branco e negro e os procesos analóxicos para “achegar os traballos na imaxe aos traballos da horta”.

A peza, que xa está dispoñible na canle de youtube de Fálame de San Sadurniño, foi para o autor un cultivo no que o negativo significou “a plantación dunha semente”, o revelado manual, a auga e o sol foron “o abono” e as tesouras empregadas na edición poden asimilarse ás dunha poda. Por último, a proxección, ese momento no que, explica Mariño, “recollemos o froito do traballo e degustamos a calidade dos seus sabores”.

O cine deulle paso a un conto dramatizado por Brais das Hortas, un dos dous compoñentes da Tropa de trapo. O de conto é pola súa estrutura narrativa, non polo contido. E é que “Mulleres de Torneiros” -o título da representación- achegou a historia real de superación de varias mulleres desa parroquia do sueste de Allariz. Mulleres que venceron os prexuízos inculcados durante xeracións polo patriarcado cultural e mesmo os límites da idade para experimentaren algo tan sinxelo para a xente máis nova como é montar en bicicleta.

A experiencia ciclista de Torneiros -e outras desenvolvidas alí contadas por Brais- garda certo parecido co noso Tempos para compartir, onde persoas que teñen algún saber o comparten de balde con outras con ganas de aprender. Tempos… tivo o seu oco no acto do Día da Muller a través dun vídeo editado pola técnica de Igualdade, Verónica Rodríguez, no que se repasaron con música e imaxe todos os obradoiros desenvolvidos neste programa. Foi unha oportunidade de lembrar canto se leva compartido en San Sadurniño, pero tamén para decatarse de que, unha vez máis, somos as mulleres quen máis compartimos.

O evento rematou con música xuntando no escenario dúas xeracións de rapazas. Dunha banda as cantareiras e bailadoras da asociación cultural Aldufeira de Cedeira -case todas xa avoas- e, doutra, as nenas -e un neno- que aprenden a cantar e a tocar a pandeireta na escola municipal de música tradicional. Primeiro tocaron por separado varias pezas e despois uníronse nun espectáculo representativo do pasado, presente e futuro en feminino da nosa cultura. Para elas e para todas as persoas asistentes houbo antes de marchar un pequeno agasallo: un paquetiño con bombóns artesanais co que darlle un toque doce a un dos 366 días da muller que debe ter este ano.

Share.